O Parlamento galego pedirá asilo para Hassanna Aalia

Os grupos parlamentares acordaron unha declaración institucional na que demandan a revisión da solicitude e que se recoñeza o dereito de asilo ao activista saharaui.

IMG_1219
photo_camera [De esquerda a dereita] Carmen Pardo (PP), Hassanna Aalia, Montse Prado (BNG), Carmen Gallego (PSdeG) e Xavier Ron (AGE)

Esta sexta feira (6 de febreiro) as forzas con representación no Parlamento de Galiza consensuaron unha declaración institucional á que se dará leitura na vindeira sesión plenaria da Cámara. 

O texto demanda ao goberno español que revise a solicitude de asilo político pesentada por Hassanna Aalia en 2013 e que lle foi denegada o 19 de xaneiro deste ano. Aliás, o Parlamento de Galiza insta a que lle sexa recoñecido este dereito por cumprir coas condicións necesarias. Neste senso, a declaración repasa a situación que atinxe o activista sahariano e a cronoloxía de acontecementos que o levaron a solicitar asilo ao Estado español. 

Desta maneira, a Cámara galega súmase a outras de todo o estado que xa deron leitura a declaracións semellantes nas que se insta o executivo español a recoñecer o dereito de Aalia a permanecer como refuxiado en Euskal Herria, onde mora desde 2011. Así o demandaron os parlamentos de Aragón, Navarra e Euskadi aos que se engadirán o galego e o canario nos vindeiros días. 

Os parlamentos de Galiza e Canarias sumaranse ás declaracións aprobadas en Aragón, Navarra e Euskadi demandando asilo para Hassanna Aalia

Condenado dúas veces polo mesmo feito

En comparecencia de imprensa Hassanna Aalia lembrou a cadea perpetua á que foi condenado por un tribunal militar marroquí após ter participado no campamento de Gdeim Izik. Un feito polo que foi xulgado e sentenciado en dúas ocasións distintas. Hassanna Aalia lembrou que o proceso xudicial no que foi xulgado en rebeldía e condenado --xunto con 24 persoas máis-- foi "denunciado" por numerosas organizacións internacionais e de dereitos humanos. 

Como tamén foron denunciadas as "torturas" e "malos tratos" aos que é sometido o pobo sahariano por Marrocos após a ocupación "ilegal" --salientou Aalia-- do territorio do Sáhara en 1975. O activista subliñou a "responsabilidade" do Estado español na situación que vive o seu pobo ao ser "potencia administradora" segundo a lexislación internacional. 

Aalia foi condenado por un tribunal militar malia ser civil

Hassanna Aalia agradeceu o "traballo político" desenvolvido polo grupo interparlamentar galego e as forzas políticas que o integran, así como as mostras de solidariedade e accións desenvolvidas por movementos sociais, forzas políticas, sindicatos e outros colectivos ao longo das últimas semanas. 

Preguntado por se ten pensado abandonar o Estado español de non se lle conceder o asilo político, Aalia asegurou que é "activista desde os 17 anos" e está certo de que "os dereitos conséguense coa loita, non se dan" polo que non pensa en abandonar o territorio español. "Seguirei aquí", afirmou. 

Comentarios