O Parlamento galego insta o Estado a mudar os criterios de reparto de axudas a empresas para non "penalizar" Galiza

A Cámara galega insta o Goberno do Estado a mudar os criterios de repartición do fondo para axudas a autónomos e pemes afectados pola pandemia para non "penalizar" Galiza.

Pleno na Cámara galega (Foto: Parlamento galego)
photo_camera Pleno na Cámara galega (Foto: Parlamento galego)

O pleno do Parlamento galego exixe ao Goberno español que, para non penalizar Galiza, sexan mudados os criterios estabelecidos para o reparto do fondo de axudas a profesionais por conta propia e a pemes afectadas pola pandemia. Así, o hemiciclo reclama que a distribución se realice achegando un mínimo de 340 millóns, conforme ao sistema de financiamento autonómico e á porcentaxe de persoas traballadoras autónomas existentes.

A proposición non de lei aprobada cuarta feira, 14 de abril, cos votos a favor do BNG e do PP contou coa abstención do PSdeG. O deputado popular Miguel Tellado asegurou que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, aproveitou "unha vez máis a ocasión" para "discriminar Galiza cunha repartición inxusta dos fondos derivados da Real Decreto-lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia da Covid-19”.

Os populares sinalaron que a repartición "inxusta" deste fondo representa unha perda de 110 millóns para a Galiza. Ademais, sosteñen que, no conxunto de repartición de fondos territorializados, a Galiza recibiría "700 millóns máis de aplicárense criterios do sistema de financiamento autonómico".

O deputado do BNG Daniel Pérez lembrou que a súa formación reclamou "desde o inicio da pandemia" que se puxesen en marcha axudas para os sectores afectados. "Mais durante nove meses o PP e o PSOE dedicáronse a especular con esta cuestión, a Xunta exixindo axudas que non chegaban pero que tampouco eles articulaban; e o PSdeG exixindo axudas ao PP sen pedilas ao Estado", sinalou para asegurar que "mentres xogaban este estéril e vergoñoso partido de tenis político", uns "2.200 autónomos deixaron a súa actividade".

Segundo apuntou o nacionalista, trátase de datos "demoledores" que demostran que nin o PP nin o PSOE "estiveron á altura" dos sectores afectados que "necesitan políticas claras, contundentes e adecuadas".

Aliás, instou a que as axudas cheguen canto antes e que se revisen os requirimentos para que moitas máis empresas poidan beneficiarse. Ademais, o BNG presentou unha emenda, que non foi aceptada polo PP, a través da que pedían á Xunta unha serie de medidas que permitisen reducir os custos de funcionamento da actividade.

Abstencións do PSdeG

Pola súa banda, o deputado socialista Juan Carlos Francisco Rivera defendeu a reacción do Goberno do Estado a unha crise "mundial" sen precedentes a través da mobilización en 2020 200.000 millóns de euros, "20% do PIB" para paliar os seus efectos. Uns fondos aos que se suman este ano "29.700 millóns".

"Isto mostra que hai unha saída da crise económica baseada na expansión do gasto público, na inxección de liquidez, medidas totalmente expansivas e que non teñen nada que ver coa saída da crise" anterior, sinalou o socialista, que puxo en valor a "rede de seguridade" activada polo Estado español que "evitou o colapso da economía".

Dito isto, lamentou a "confrontación permanente" co Goberno estatal na que, na súa opinión, están instalados os populares galegos e aseverou que estes fondos se reparten en función da afectación da pandemia nas economías e que a galega "está menos impactada que a media do Estado". "Impacto da pandemia, desemprego e desemprego xuvenil, eses son os criterios, poderíanse tomar outros, pero evidente falamos de medidas contra unha pandemia e non de financiamento autonómico", apuntou.

Sector mar – industria da costa galega

Por outra banda, na sesión foi rexeitada unha iniciativa a través da que os socialistas pedían, entre outras cuestións, defender o "carácter estratéxico" e a "peculiaridade" do sector mar industria e da costa galega, así como que calquera modificación normativa que poida afectar a esta actividade, en especial da normativa de costas, sexa con diálogo aberto e fluído coas entidades.

A proposición non de lei foi defendida polo viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, que asegurou que esta iniciativa pretendía a "unidade de toda a Cámara na defensa da costa galega".

Aínda que a proposta contou co apoio do BNG, cuxa deputada Rosana Pérez mostrouse moi crítica coa actitude mantida polo PSOE nesta cuestión, non saíu adiante ao ter o voto en contra do Partido Popular.

Así, a popular Teresa Egerique asegurou que todas as demandas incluídas na proposta dos socialista solucionaríanse se se retirase o artigo 18 da lei de cambio climático.

Comentarios