Parlamento e Congreso debaten un cambio na lei para que @s estafad@s non perdan os cartos

Será o Bloque quen presente senllas proposicións na Galiza e en Madrid rexeitando calquera quita e reclamando que o Goberno actúe en consecuencia após recoñecer que houbo "unha estafa masiva"

photo_camera [Imaxe: Zapa Dacosta]


O Congreso d@s deputad@s debaterá na terza feira unha proposición de lei presentada polo Bloque na cal se expón unha modificación da Lei de Reestruturación e Resolución de Entidades de Crédito, vixente desde novembro, para que @s estafad@s pola comercialización irregular de participacións preferentes e débeda subordinada non sufran ningún tipo de perda e poidan recuperar a totalidade do seu investimento, para alén dunha indemnización.

Segundo o texto da proposición, o Memorándum de Entendemento do resgate financeiro que Madrid acordou con Bruxelas carrexa canda si un "espolio" a miles de persoas que colocaron os seus aforros en produtos híbridos sen ser informados do seu alto risco e, en ocasións, mesmo sen o seu consentimento. 

Que non se aplique a asunción obrigatoria de perdas

Así as cousas, a formación frontista sinala o Goberno español como responsábel directo por asumir "non só unhas condicións gravosas para a maioría de cidadáns, senón de forma especialmente grave para miles de pequenos aforradores posuidores de preferentes e débeda subordinada" malia ser coñecedor da "estafa masiva" que se produciu.

O Bloque exixirá no Congreso que non se apliquen os mecanismos legais vixentes "que estabelecen a asunción obrigatoria de perdas polos posuidores" deste tipo de títulos, de tal maneira que se dea "unha solución satisfactoria" que pasará sempre "pola devolución íntegra do nominal investido sen que se apliquen rebaixas ou descontos de ningún tipo". É dicir, nin quitas nin adiamentos.

Para que así sexa, a formación nacionalista propón modificar cinco artigos da Lei de Reestruturación e Resolución de entidades de crédito para especificar que "cando os adquirientes ou posuidores dos instrumentos híbridos de capital ou débeda subordinada sexan aforradores ou pequenos investidores sen experiencia financeira que non recibisen información adecuada do instrumento adquirido" non lles sexan aplicábeis as previsións que se inclúan nos plans das entidades emisoras.

Por derradeiro, o BNG esixe que sexa o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB) o que revise "de oficio" no prazo máximo de dous meses todos os expedientes desta natureza que se produciron en entidades nas que participe de maneira maioritaria --Bankia, Novogalicia Banco e Catalunya Banc.

60.000 familias cos aforros secuestrados

Para @s titulares de preferentes destas entidades, o Goberno español impuxo un troco dos títulos por accións, converténdoos á forza en accionistas e aplicándolles igualmente unha quita. Os procesos de arbitraxe que se abriron solucionaron unicamente dous de cada dez casos, polo que na Galiza quedan aínda máis de 60.000 familias agardando por unha solución. 

Tamén na terza feira haberá unha concentración ás 11h diante do Parlamento galego cadrando co debate dunha proposición non de lei para presentar diante do Congreso a respeito de todo o sinalado anteriormente. Tanto no pleno de Compostela como no de Madrid haberá representación d@s estafad@s, convidad@s polo Bloque para asistiren ao debate. 

Comentarios