O Parlamento europeo reabre o informe sobre as rías galegas

Tratarase na Comisión de Peticións a petición da eurodeputada Ana Miranda, que considera que “non se cumpriu case ningunha das recomendacións europeas”.

bateas de cultivo de mexillón nunha ría galega
photo_camera bateas de cultivo de mexillón nunha ría galega

A Comisión de Peticións do Parlamento europeo vai reabrir o informe sobre as rías galegas. O informe foi o resultado da investigación levada a cabo por unha delegación do Europarlamento en Galiza en febreiro de 2013. A reapertura responde a unha petición da eurodeputada do BNG Ana Miranda. “Fixen esta proposta porque non se cumpriu case ningunha das recomendacións europeas e queremos solucións ao saneamento das nosas rías”, afirma.

A decisión de debater novamente o estado das rías, que foi votada na Comisión de Peticións da Eurocámara contou co voto en contra do  PP. A eurodeputada nacionalista avanza que seguirá traballando para que na sesión na que se tratará o informe poidan comparecer os peticionarios e expoñer os argumentos, os informes de situación e a avaliación de aplicación orzamentaria que levan anos trasladando por escrito á Comisión, en concreto, os das rías de O Burgo e Vigo. 

“Neste momento estamos negociando os fondos para  2020-2027 cando se da a situación de que aínda non se aplicaron os fondos europeos pasados”, critica Ana Miranda, en referencia a unha das recomendacións do informe, que consistía en que a Unión Europea debe garantir o apoio financeiro necesario que permita a Galiza dar prioridade da forma máis eficaz e urxente aos programas e proxectos destinados á limpeza e saneamento das rías, obxectivo non cumprido porque non houbo suficientes investimentos do Estado.

Porén, a eurodeputada do BNG denuncia que “isto non se fixo nin polo goberno do Estado nin pola Xunta”.

Comentarios