O Parlamento Europeo estudará investigar o proxecto da mina de Touro

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo recibiu esta terza feira, 12 de novembro, unha delegación galega de integrantes da rede Contraminacción. Ante as membros da Comisión, tres peticionarias reclamaron o inicio dunha investigación sobre a contaminación na contorna da antiga mina de cobre de Touro, pechada en 1988, e o proxecto de reapertura dunha nova explotación. A Comisión aceptou manter aberta a súa petición, solicitar información ao Goberno galego e ao do Estado, e valorar o envío dunha misión de investigación.
A delegación veciñal co lema da plataforma Mina Touro-O Pin non (Raquel C. Pérez)
photo_camera A delegación veciñal co lema da plataforma Mina Touro-O Pin non (Raquel C. Pérez)

Cinco minutos por persoas peticionaria, quince en total, para expoñer as demandas das integrantes da Rede Contra a Minaría de Galiza, Contraminacción, ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. Unha hora en conxunto para resumir máis de dous anos de resposta social ao proxecto de reapertura dunha explotación mineira, impulsado pola empresa local Cobre San Rafael S.L., nos concellos de Touro e O Pino. A Comisión, organismo ponte entre a Administración europea e a cidadanía, confirmou esta terza á delegación veciñal que manterá aberta a súa petición, solicitará información completa do proxecto ás Administracións responsábeis, Xunta de Galiza e Goberno do Estado, e sopesará enviar unha misión de investigación a Touro.

“Foi un esforzo grande vir até aquí, a valoración é moi boa. Todos os grupos parlamentares de distintos partidos, agás un, contribuíron a que a petición siga aberta. Danos alento, estaremos atentos a que a misión de investigación se forme o antes posíbel”, celebrou Isabel García, representante da plataforma, tras o remate da votación. Foi Francisco Xosé Millán Mon, europarlamentario galego do Partido Popular, quen rexeitou manter aberta a petición, cualificándoa de “superflua” e de “precipitada”. “Só ten información de parte, a que lle fixo chegar a Xunta, pero nós farémoslle chegar toda a información, para que teña a nosa parte e valore con coñecemento de causa”, declarou García.

É a segunda vez en dous meses que o organismo europeo recibe unha petición relacionada coa problemática mineira en Galiza. Esta terza feira as peticionarias denunciaron a “falta de control” da Administración galega sobre a contaminación orixinada na antiga explotación de cobre, que pechou as súas portas en 1988, reclamaron medidas para a restauración dos terreos e demandaron a cancelación da reapertura.

A delegación lembrou que hai máis de dous anos e medio desde que se publicou no DOG o proxecto mineiro, mais a Xunta non emitiu a  Declaración de Impacto Ambiental, toda vez que diferentes organismos sectoriais da Administración pública sinalaron as deficiencias do proxecto. A maiores, fixeron referencia ao importe das multas que a Administración galega impuxo á empresa dona dos terreos e matriz de Cobre San Rafael S.L., Explotaciones Gallegas S.L., que acumula 85.000 euros en sancións, catro en total, nos últimos meses. “Ás empresas compénsalles contaminar”, afirmaron.

Unha problemática que desborda a mina

Tres peticionarias interviñeron na sala, convidadas polo grupo europeo Os Verdes-ALE a través da súa eurodeputada Ana Miranda, do Bloque Nacionalista Galego. Ante as representantes da Comisión, amosaron imaxes da contaminación que afecta os terreos e augas da contorna da mina. Consigo portaron a mostra de auga captada no rego de Pucheiras, un dos afluentes da conca fluvial do Ulla que recibe as verteduras ácedas das balsas da antiga explotación. As peticionarias repasaron as autoridades ás que trataron de achegar a súa demanda, desde os Gobernos locais até as representantes dos partidos políticas, das Consellarías da Xunta ou a Valedora do Pobo.

“Acudir aos tribunais non está a resolver o problema”, sinalou Gallardo

“Lamentabelmente, este Parlamento e a Comisión escoitará falar unha vez máis dun proxecto mineiro galego que infrinxe a normativa da Unión Europea. Lemos no informe da Comisión que outro exemplo, un entre ducias, aínda non é suficiente para actuar. Non é o suficientemente sistemático, mesmo se hai tan só un mes escoitou falar da mina de San Finx, dos procedementos penais abertos neste caso e de como o acudir aos tribunais non está a resolver o problema”, comezou Luís Gallardo.

Mostra da contaminación dos alfuentes do Ulla presentada polos peticionarios ante o Parlamento Europeo (Plataforma Mina Touro-O Pino Non)

Gallardo criticou a propia Comisión de Peticións, que emitiu un ditame no que respondía á solicitude da plataforma contra a mina de Touro e O Pino remitíndoa ás Administracións galegas ou á vía xudicial. “Retense información ambiental, ignórase á Convención de Aarhus, restrínxese a participación pública. Impóñense multas e sancións ridículas tras as nosas continuadas queixas. E dinos que acudamos aos tribunais”, reclamou. A última multa imposta por Augas de Galicia á empresa Explotaciones Gallegas S.L. ascende a 5.000 euros polo desvío dun regato. A mineira xa fora sancionada até catro veces polo organismo público, tendo que pagar até 80.000 euros por verteduras e contaminación de augas.

Pedimos ao Parlamento que tome en serio a falta sistemática de cumprimento nas operacións mineiras galegas, demandou Gallardo

“Pedimos formalmente ao Parlamento que tome en serio a falta sistemática de cumprimento e de lexislación da Unión Europea nas operacións mineiras galegas e antes de que sexa demasiado tarde. Que manteñan aberta esta petición e que manden unha misión de investigación, demandou Gallardo.

Iria Ares é veciña de Arinteiro (Touro). De 21 anos, axuda a súa familia na explotación familiar. Como grande parte das familias da comarca, de tradición gandeira e agricultora. O proxecto da nova mina contempla a construción dunha balsa de lodos de 200 metros de alto e 3 quilómetros de longo a 200 metros da súa casa. “Construímos unha nova granxa hai dezaseis anos con outras dúas familias, grazas ao noso esforzo e ás axudas da Política Agraria Común”, sinalou. Un investimento que enterraría a aprobación da nova mina, argumentou, a raíz da expropiación das leiras afectadas.

María Pilar Sampedro, mariscadora da ría de Arousa, amosou coa súa quenda de palabra a extensión da problemática que suporía a aprobación do nova mina. “A poucos quilómetros ao norte atópase, na ría de Muros e Noia, a explotación de San Finx. A contaminación por metais pesados xa transformou en non aptas para o marisqueo a área máis próxima á desembocadura”, remachou Sampedro. “A ría de Arousa conta cunha flota pesqueira composta por 1.709 buques, 38,6% do total galego, e 842 auxiliares de pesca e acuicultura, case 70% do total. Unha das maiores de Europa. O sector xera empregos estábeis, mesmo en momentos de crise, dando traballo directo ou indirecto a miles de familias”, subliñou a mariscadora.

En Galiza aprendemos á forza a non confiar nas autoridades, denunciou Sampedro

“En Galiza aprendemos á forza a non confiar nas autoridades. Nós, as nosas nais e pais, vivimos en primeira persoa as consecuencias da minaría na Galiza, cando entre 1973 e mina touro mobilización1988 a mina de Touro descargou a súa contaminación de metais pesados ao río Ulla e á ría de Arousa sen ningún tipo de sanción para os culpábeis”, expuxo. “Por este motivo”, lembrou, “30.000 persoas mobilizáronse  en Santiago de Compostela, entre elas miles de traballadoras do mar”.

Visita oficial á antiga explotación

Ana Miranda, eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego, fixo unha valoración moi positiva do resultado. “Catro grupos parlamentarse apoiaron estas peticións, que son un berro unánime de gran parte do país na defensa do medio, da saúde das persoas e do emprego”, sinalou unha vez emitido o ditame da Comisión de Peticións. “Neste caso incúmprense tres directivas, a Directiva Marco da Auga, a de Información Ambiental e tamén a Directiva de Tratamento dos Residuos. Esta e unha petición con moito fundamento. Conseguiron o obxectivo de que queden abertas, isto significa que que hai dúbidas respecto do proxecto. Imos loitar desde o grupo Os Verdes-ALE porque acuda unha misión de investigación a Galiza”, declarou.

Tras acadar que a petición continúe aberta, o seguinte paso corresponde á Comisión de Peticións. Esta solicitará á Comisión Europea que, á súa vez, reclame información sobre o proxecto mineiro de Touro tanto á Xunta de Galiza como ao Estado español. “Nuns catro ou cinco meses a petición tratarase na Comisión, daquela o Goberno da Xunta terá que achegar toda a documentación. Nós paralelamente trataremos de impulsar a investigación”, afirmou Miranda.

Comentarios