O portavoz de Pesca do Bloque no Parlamento de Galiza, Daniel Rodas, defenderá esta terza feira en sesión plenaria unha Proposición Non de Lei (PNL) sobre o rexeitamento do actual modelo de repartición da cota pesqueira.
Os criterios de reparto, acordados polo Consello de Ministros da Unión Europea "está a imposibilitar a supervivencia" do modelo pesqueiro galego, afirman desde a organización frontista. Un modelo caracterizado pola existencia de "máis de 4.900 embarcacións" das que "máis do 80% son menores de 15 metros" de eslora.
Perante esta realidade a fixación do TAC's de acordo a criterios históricos e non socioeconómicos "está a provocar o desmantelamento" do sector que, como reflectiu o conflito coa frota do cerco, atravesa unha situación límite.
Peixe no mar mais sen poder pescar
E é que a repartición da cota para pesquerías como a da xarda --que contou co visto e prace do Goberno español e o aplauso da Consellaría de Pesca da Xunta de Galiza-- deveu no paradoxo de contar con peixes no mar que non podían ser pescados polos mariñeiros galegos.
En 10 días que durou a campaña da xarda, a maior parte das capturas foron parar a outras frotas do noroeste cantábrico, "cando o banco chegou as nosas costas atopámonos coa crueza de non podermos pescar" malia haber peixe "que mallaba nos aparellos" e que tiña que ser devolto ao mar "morto", explica o BNG na súa PNL.
Para a fronte nacionalista situacións coma esta urxen o rexeitamento do actual modelo de repartición das cotas pois, explican, é "negativo para os intereses pesqueiros galegos". Así pois, instan o goberno da Xunta a se posicionar en contra perante Bruxelas e a exixir á UE que non se aplique "nas augas interiores de Galiza" e, polo tanto, "sobre a frota artesanal" pola consideraren "unha invasión competencial" de acordo co propio Estatuto de Autonomía.