O Concello de Vigo apoia o indulto para Carlos e Serafín que o Parlamento volverá debater

O pleno de Vigo aprobou de maneira unánime unha moción de apoio aos sindicalistas que foron condenados por tomaren parte dun piquete informativo en 2008. Esta cuarta feira o pleno do Parlamento debaterá unha petición de indulto após vetar o PP na anterior sesión unha declaración presentada polo BNG. 

indulto
photo_camera [CC BY-NC-SA CIG-Avantar]

As tres forzas políticas con representación no Concello de Vigo (BNG, PP e PSdeG-PSOE) aprobaron por unanimidade unha resolución institucional na que demandan o indulto para Serafín Rodríguez e Carlos Rivas, os dous traballadores do transporte condenados a 3 anos de cadea por tomaren parte nun piquete informativo na folga de 2008. 

O acordo, ao que deu leitura o alcalde vigués, Abel Caballero, insta o executivo español a conceder a medida de graza do indulto para os dous traballadores e amosa a "solidariedade" da institución para eles. O apoio unánime contrasta co posicionamento amosado polo Partido Popular desde que comezou a campaña a prol da liberdade de Serafín e Carlos.

PP, BNG e PSdeG apoiaron unha resolución no pleno de Vigo na que piden o indulto para os dous traballadores

Neste senso, no mes de decembro o goberno español rexeitou indultar os traballadores e hai dúas semanas o grupo maioritario no Pazo do Hórreo fixo o propio e declinou mesmo debater unha proposta de resolución presentada polo grupo parlamentar do BNG. 

Así as cousas, @s nacionalistas presentaron unha outra iniciativa, desta volta en forma de Proposición non de lei, encamiñada a procurar o apoio da Cámara de representantes de cará á revogación das dúas sentenzas que condenan a Serafín e Carlos e que viría a se sumar á demanda presentada polas tres centrais sindicais (CIG, CC.OO e UGT) pola vía xudicial. 

O PP vetou na anterior sesión do Parlamento unha proposta de resolución presentada polo Bloque 

Indultos para corruptos en banqueiros

Tanto os sindicatos como o BNG coidan que a condena imposta --a máxima para un suposto delito contra os dereitos dos traballadores-- é "desmedida" e "inxustificada". Aliás, lembran que a dureza da decisión xudicial "contrasta coa laxitude coa que lles concede indultos a persoas condenadas por delitos de corrupción como a banqueiros ou cargos políticos".

E é que o goberno de Mariano Rajoy indultou en 2012, por exemplo, a Tomás Gómez Arrabal --exalcalde do PP en Abdalajís, Málaga-- e @s 3 edís municipais que foran condenad@s de 3 a 10 anos de cadea por outorgaren licenzas urbanísticas ilegais a sabendas de que o eran. 

Comentarios