Pleno

O Parlamento debaterá sobre a ordenación do territorio e a eutanasia

A oposición volverá cuestionar o presidente da Xunta sobre a sala de partos do hospital de Verín durante a sesión de control.
O hemiciclo da Cámara galega durante unha sesión de control ao Goberno presidido por Feixoo (Nós Diario).
photo_camera O hemiciclo da Cámara galega durante unha sesión de control ao Goberno presidido por Feixoo (Nós Diario).

O Parlamento da Galiza retoma a actividade plenaria tras o parón das festas do Nadal cunha sesión na que a Xunta detallará as súas demandas ao Goberno estatal e na que a oposición volverá á carga contra o  Executivo galego pola súa xestión sanitaria, especialmente, co foco situado na sala de partos de Verín que, tras semanas de polémica e protestas veciñais, reabrirá a partir de febreiro.

Coa sesión ordinaria da próxima semana arrincará a fase final da lexislatura dado que, previsibelmente, o que agora comeza será o último período de sesións antes da realización das eleccións galegas. Nesta sesión a Cámara debaterá dous textos lexislativos: por unha banda, a nova Lei de Ordenación do Territorio impulsada pola Xunta e, por outro, unha proposta do Grupo Mixto para remitir ao Congreso unha modificación do Código Penal que garanta o dereito a unha morte digna.

Durante a primeira xornada do Pleno, o día 28, comparecerá o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, para informar diante da Cámara das demandas da Administración galega ao Goberno de Estado expresadas nas cartas remitidas a cada un dos ministerios.

Pola súa banda, os grupos da oposición (PSdeG, Grupo Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto) volverán traer a debate o feche da sala de partos do hospital de Verín, que reabrirá a partir de febreiro tras a contratación de dous pediatras. Sobre iso deberá responder o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, durante a sesión control, na que se estreará a viceportavoz do BNG Olalla Rodil, que substituirá á líder nacionalista, Ana Pontón, pola súa recente maternidade.

O 'acareo' entre Feixoo e o líder da oposición, o socialista Gonzalo Caballero, estará centrado na xestión do Goberno galego da sala de partos de Verín, mesmo asunto sobre o que o cuestionará o portavoz de Común da Esquerda, Antón Sánchez, na sesión de control. Pola súa banda, o BNG afeará ao mandatario popular o seu balance de "cero competencias transferidas" na última década.

Unha lei "para as eólicas"

 Ademais, o hemiciclo acollerá o debate á totalidade da lei de ordenación do territorio da Galiza, que actualiza a norma en vigor do ano 1995 e aspira a "simplificar" a tramitación Administrativa, ademais de reforzar a seguridade xurídica para quen queira investir no país, segundo defende o PP.

A nova norma, que, entre outras cuestións, inclúe a creación do Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento da Galiza, recibiu o visto e prace do Consello da Xunta e inicia a súa tramitación. Común da Esquerda xa avanzou que se opoñerá a unha lei que cre feita "para favorecer os intereses das grandes compañías", especialmente as promotoras de parques eólicos.

Pola súa banda, o Grupo Mixto no que se integran as deputadas de En Marea leva á Cámara unha nova proposta de modificación lexislativa para a súa remisión ao Congreso das Deputadas. Neste caso, o grupo que encabeza Luís Villares propón a despenalización da morte asistida para garantir "o dereito a un final de vida digno".

O PSdeG rexistrou iniciativas nas que piden que a Xunta asuma a súa responsabilidade pola situación das empresas viguesas do sector naval Vulcano e Barreras e o BNG levará á sesión a "pretensión" de Vox de ilegalizar "determinados" partidos como os nacionalistas vascos, galegos e cataláns.

Comentarios