O Parlamento aproba reclamar ao Estado a cesión do Pazo de Meirás

O PP non ve a reivindicación da memoria como o uso principal do pazo, cuestión que si reclaman BNG e PSdeG.
Pazo de Meirás (Imaxe: M.Dylan).
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: M.Dylan / Europa Press).

O Parlamento galego aprobou unha proposición non de lei do Partido Popular para solicitar do Estado a cesión do Pazo de Meirás, así como a colaboración no financiamento dos custos derivados do seu mantemento e da súa apertura ao público, e insta a acordar no seo da comisión técnica do pazo un plan de usos que, en primeiro lugar, estea vinculado á reivindicación da figura de Emilia Pardo Bazán; en segundo lugar, sirva a usos turísticos relacionados con visitas ao inmóbel; en terceiro lugar atenda "usos relacionados coa memoria histórica" e, por último, contemple a organización dunha homenaxe a persoas, colectivos e institucións que ao longo das últimas catro décadas estiveron implicadas nos traballos pola devolución do Pazo.

A iniciativa só contou cos votos do PP ao negárense os populares a aceptar as emendas do BNG e PSdeG que apuntaban a situar a memoria democrática como principal uso do pazo. 

De feito, a emenda da formación nacionalista introducía no referente ao plan de usos que este estiver centrado en situar o pazo como espazo para a memoria democrática e a loita antifranquista, e chamaba a desenvolver  unha política pública sobre a memoria histórica centrada na "xustiza, verdade, reparación e garantía de non repetición", dixo o deputado nacionalista Luís Bará. 

A emenda do PSdeG, defendida polo socialista, Pablo Arangüena, demandaba que o plan "priorice sempre os usos relacionados coa memoria histórica".

Xuízo pola Casa Cornide

O 4 de febreiro terá lugar no Xulgado de Instrución número 4 da Coruña o xuízo contra as e os nove militantes do BNG denunciados pola familia Franco por unha protesta realizada na Casa Cornide, na Coruña, en que exixían  que este inmóbel histórico deixase de estar en mans dos Franco e for devolto ao pobo. 

Diso informou o colectivo '19 de Meirás' nun comunicado en que explican que Armando Carril, Manuel Méndez, Elvira Branco, Carolina Fernández, André López, Salvador González, Óscar Calvo, Dani Carballada e Bieito Lobeira serán xulgados por un delito leve de coaccións.

As nove persoas denunciadas aseguran que a acción realizada o 26 de setembro de 2017 consistiu en despregar unha faixa da varanda da Casa Corinde, para reclamar que este edificio, que foi espoliado en 1962 polos Franco, sexa restituído ao patrimonio público.

Comentarios