O PP veta o apoio aos '19 de Meirás'

O Parlamento apoia por unanimidade a devolución de Meirás

Un acordo de todos os grupos do Parlamento galego, despois dun proceso de transacción de iniciativas, solicita a devolución do Pazo de Meirás “sen custo algún para Galiza”. Este último aspecto recolle a emenda do BNG, que o consideraba “irrenunciábel”. Á vez, o PP negouse a incluír o apoio da Cámara aos 19 de Meirás.
 

19 de Meirás
photo_camera Os 19 de Meirás e o grupo parlamentario do BNG, esta cuarta feira no Parlamento de Galiza. Foto: BNG.

O texto consensuado derivou das propostas presentadas por En Marea, o Bloque e mais o PP e recoñece o traballo realizado “desde hai anos” por historiadores, asociacións de recuperación da memoria histórica ou a Xunta pro Devolución.

A proposición non de lei aprobada insta ao Goberno galego a remitir “urxentemente” ao español o informe elaborado pola comisión de expertos “coa petición de que se inicien as accións legais precisas para reintegrar o pazo ao ámbito dos bens de dominio público da Administración Xeral do Estado”. E, para concluír, amosa a “vontade” da Cámara de que esta devolución “non implique un novo custe”.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, argumentou sobre a emenda do seu grupo: “A familia Franco é unha familia okupa e xa pagamos este pazo a golpe de extorsión e co desvío de fondos públicos en plena ditadura. Sería unha aberración, unha labzada ás vítimas e á dignidade deste pobo calquera compensación aos herdeiros do franquismo”.

O Bloque tamén quixo incluír na proposición o apoio do Parlamento ás 19 persoas denunciadas pola Fundación Franco despois de participaren nun acto “para reclamar, precisamente, a devolución que hoxe aprobou a Cámara”. Mais o Partido Popular vetouno coa escusa de se atopar “sub iudice”. Non obstante, o seu voceiro Pedro Puy asegurou que “nun pleito, o PP está cos que foron a Meirás e non coa familia Franco”.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica emitiu un comunicado despois do acordo no Hórreo en que felicitiba os partidos con representación parlamentaria polo “esforzo” e celebraba “a madureza democrática de Galiza” ao acadar un consenso que, ao seu ver, marca “un antes e un despois”.

Comentarios