Conclúe a sexta feira ás 13.30

O Parlamento abre o prazo para presentar as candidaturas para o Senado

O pleno extraordinario para a designación dos tres escanos que lle corresponden ao Parlamento na cámara alta vai ter lugar a próxima terza feira, segundo acordou esta terza a Mesa do lexislativo galego. O prazo para apresentación de candidaturas conclúe esta sexta feira ás 13.30. En teoría correspóndenlle dous escanos ao PP e un a En Marea, como segunda forza. A dúbida está en se En Marea chegará intacta a ese pleno ou non. 

 

 

Parlamento_de_Galicia
photo_camera O pleno para a elección da representación do Parlamento no Senado vai ter lugar a vindeira terza feira

O grupo parlamentar de En Marea xa tería candidato, un José Manuel Sande que foi referendado na mañá desta terza feira nunha votación presencial na que, como a telemática de días pasados, non participaron as e os parlamentares identificados con En Marea partido, liderados por Luís Villares. 

O resultado da votación foi idéntico ao que se produciu por medios dixitais: 8 votos a favor de Sande, 1 a favor de Mariló Candedo (o da militante de Compostela Aberta Flora Miranda) e 1 abstención (a da coordenadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, partidaria da opción da ex senadora Vanessa Angustia).

Esta é a proposta que a maioría do grupo parlamentar, dominado polas forzas que xa non recoñecen a En Marea como partido e que andan a levantar un novo edificio político baixo a denominación de Galicia en Común, pensa en rexistrar antes de que conclúa o prazo fixado polos órganos de goberno da cámara, esta sexta feira ás 13.30 horas.

O problema é que o portavoz, Luís Villares, non está de acordo coa proposta, o que de seguro vai abrir un conflito de carácter xurídico-político porque En Marea partido argumenta que é a seu líder, na súa condición de voceiro, a quen lle corresponde o dereito de formalizar a candidatura ante a Mesa. O asunto non está tan claro porque o regulamento da cámara é ambiguo. En concreto sinala no seu artigo 165.3 que "o presidente do Parlamento fixará o prazo no que os representantes dos diferentes grupos parlamentares deberán de propoñer os seus candidatos". O precepto fala de "representantes" e non de "portavoz", extremo ao que apelarán agora Podemos, Esquerda Unida e Anova para elevar a proposta de Sande, a maioritaria no grupo, á Mesa do Parlamento.

O asunto sobre quen ten dereito a rexistrar a candidatura non está tan claro porque o regulamento da cámara é ambiguo

E mentres tanto, Luís Villares, ausente da reunión na xunta de portavoces, evacuou consultas co resto da dirección de En Marea sobre o que facer na situación máis delicada pola que ten atravesado a confluencia até o momento. Sobre a mesa, a opción de rachar o grupo e de facelo xa (o que de rebote podería entregar o escano da oposición no Senado ao PSdeG). Talvez despexe as dúbidas Ana Seixas, viceportavoz do partido, na tarde desta terza feira (17 horas), nunha rolda de prensa convocada de urxencia e na que en principio non está anunciada a presenza de Villares.

Comentarios