O Parlamento aborda a reforma do financiamento

As persoas expertas intervirán ao longo da semana na comisión de reforma do modelo de financiamento, a penúltima fase antes de que o organismo elabore o proxecto de ditame e o borrador coas conclusións xerais.

Unha sesión da comisión no Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press).
photo_camera Sesión de constitución da comisión parlamentaria sobre financiamento. (Foto: Europa Press)

A partir das 10 horas deste 11 de xaneiro, María Cadaval, profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, abrirá as comparecencias das persoas especialistas na Comisión especial de estudo para abordar a proposta de reforma do sistema de financiamento da Galiza.

Unha vez remate Cadaval, será a quenda de Elena Muñoz, senadora e ex titular da Consellaría de Facenda co Partido Popular.

Estas intervencións, que se desenvolverán até a sexta feira, constitúen a penúltima fase dos traballos do organismo, que desde a vindeira semana terá que elaborar o proxecto de ditame e un borrador coas conclusións xerais arredor desta cuestión, que marcará nos seguintes meses o traballo no lexislativo.

Cadaval, que tamén é membro da Rede de Investigadores en Financiamento Autonómico e Descentralización Financeira, sinalou a Nós Diario nunha reportaxe publicada a pasada semana, que a proposta do Estado para reformar o modelo que rexe desde 2009 e que fora prorrogado en 2014 “non pondera o suficiente as características demográficas e xeográficas da Galiza”.

Nese sentido, a economista explica que “pesa máis a poboación nova que a maior e non se dá a importancia que merece á dispersión e á orografía”, cualificando a proposta como “de continuidade coa que fixera en 2017 a comisión de expertos”.

Pola súa parte, a ex conselleira de Facenda defendeu no Senado que “a base [do sistema de financiamento] non pode ser outra que a negociación multilateral con todos os territorios”.

Na cuarta feira continúan as comparecencias coa presenza de Xosé Díaz, economista e autor da publicación de Sermos Galiza sobre financiamento, As contas que nos contan, e mais de Santiago Lago, catedrático de Economía Aplicada na Universidade de Vigo e representante da Galiza no comité de expertos para a reforma do sistema de financiamento.

A quinta feira falarán Diego Martínez López, da Universidade Pablo Olavide de Sevilla e responsábel de Financiamento dos territorios no Goberno estatal de Pedro Sánchez, así como Bernardo Valdês Paços, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela.

O feche das intervencións a sexta feira corre a cargo de Xoaquín Fernández Leiceaga, economista e senador do PSOE, e de Roberto Fernández-Llera, síndico maior de contas de Asturies.

Comentarios