A oposición pide a rectificación inmediata

O paritorio de Verín protagoniza a última sesión de control ao Goberno

Os berros da veciñaza de Verín que esta terza feira rodearon o Parlamento da Galiza atravesaron os muros do Pazo do Hórreo para protagonizar a última sesión de control ao Goberno deste ano a través das preguntas dos líderes da oposición ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.
Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno (Xunta)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo na sesión de control ao Goberno (Xunta)

O feche do paritorio do hospital comarcal de Verín está a ter máis repercusión da esperada polo Goberno galego e derivou nun intercambio de acusacións crispadas no pleno de hoxe.

O portavoz do PSdeG na Cámara galega, Gonzalo Caballero, expuxo que estabamos ante "un ataque á sanidade pública e ao medio rural" e unha mostra máis da "falla de credibilidade" de Feixoo. O socialista criticou as xustificacións aportadas polo Goberno, que pasou de aducir  unha “falla de seguridade” para as mulleres embarazadas da comarca a obxectar que "non hai pediatras" para manter o servizo en activo.

"Cando haxa pediatras suficientes en Verín e teñamos a aprobación dos profesionais sanitarios (xinecólogos e pediatras), en 24 horas reporánse os partos", concedeu Feixoo no medio das críticas despois de ter afirmado con anterioridade que "se os veciños queren utilizar o paritorio de Verín, desde o punto de vista das súas decisións persoais, nós non temos inconvinte en que baixo a súa responsabilidade se utilice".

“Os médicos negan o seu criterio”, insitiu Caballero, quen esixiu a Feixoo que "rectifique a decisión política" de fechar a sala de partos de Verín e "cese" aos seus responsables. Nesta liña, o líder socialista pediulle que aclare se "vai pechar os paritoiros de todos os hospitais comarcais", pois segundo relatou en ningún dos sete se chega aos 600 partos anuais que referiu a Xunta para ofrecer o servizo "con seguridade".

Nesta última sesión de control do ano, Feixoo sinalou que a actitude da oposición é "lamentable" e acusouna de "xogar coa vida e a seguridade dos bebés que nacen en Verín".  "Póñase colorado un día e evite poñerse amarelo cen", replicoulle o portavoz do Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez.

Sánchez manifestou que para coñecer as políticas sanitarias da Xunta "só hai que ver as caras e como rin os que fan negocio coa sanidade privada" na Galiza e "ver a todas as profesionais da sanidade pública en pé de guerra contra os seus recortes".

"Non se decata de que está a facer o ridículo?", chegou a dicir Sánchez na súa quenda de palabra, "acaso non agardaba a reacción da xente e incluso dentro do PP?", engadiu en relación coa petición de rectificación de populares de Ourense como Manuel Baltar.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, tamén se referiu ao conflito coa maternidade de Verín considerando que "atenta contra o dereito da saúde das mulleres e dos nenos" e pediulle a Feixoo que o seu grupo apoiase a iniciativa nacionalista para restituir o servizo de partos e as urxencias pediátricas nesta comarca "en pé de guerra".

Unha iniciativa que foi votada en urna de maneira segreda, pero que o PP rexeitou porque todas as súas deputadas presentes cumpriron coa disciplina de voto. "Rectifiquen, deixen de lado os partidismos e póñanse do lado das persoas", recalcou Ana Pontón.

Comentarios