Perfil de Cristina Losada (C's) | Eleccións galegas 2016

Unha paracaidista laranxa na propia terra 

A serie de perfís dos e das principais cabezas de lista que concorren ás eleccións galegas do vindeiro 25 de setembro, recala na controvertida candidata da formación de Albert Rivera.

cristinalosada
photo_camera Cristina Losada é a candidata á presidencia da Xunta por Ciudadanos

Na carreira electoral rumo ao 25-S o cartel de Ciudadanos é o único cunha candidata accidental. Inesperada, cando menos. Cristina Losada (1954) é viguesa, mais a meirande parte da súa vida profesional e académica decorreu na capital do Estado. Retornou a Galiza en 1998. O seu nomeamento transcendeu na cidade olívica como o dunha perfecta descoñecida, a pesar de ser presidenta da asociación Vigueses por la Libertad, de escasísima actividade e incidencia. Un insólito caso de paracaidismo na propia terra.

O seu nomeamento transcendeu na cidade olívica como o dunha perfecta descoñecida

O seu compromiso político é moi anterior e alborexou na antítese dos seus actuais postulados. Nos 70 facía parte da trotskista Liga Comunista Revolucionaria. En 1972 chegou a ser detida pola policía franquista por mor da súa actividade política. A súa viaxe á dereita --vestida de centro-- non foi curta. Explicouna no libro titulado “Por que dejé de ser de izquierdas?”, partillando autoría con Fedérico Jiménez Losantos, César Vidal, Pío Moa ou Juan Carlos Girauta. Unha mudanza que xustifica asegurándose decepcionada pola reacción da xente de esquerda da súa contorna diante do ataque terrorista contra as Torres Xemelgas de Nova Iorque o 11S.

Afastada da esquerda ideolóxica, o seu retorno ao xornalismo estivo moi ligado á súa nova orientación. Columnista de Libertad Digital, o medio de Jiménez Losantos, desde 2002 até o pasado 18 de agosto, colaborou na Cope, en Onda Cero e Es Radio. Foi tamén membro do Consello de Administración de Telemadrid.

Nos 70 militou na Liga Comunista Revolucionaria, pero catro décadas despois abxura da súa militancia na esquerda

A xornalista foi unha fichaxe en chave española. Carente de ningunha ligazón coas bases do partido en Galiza, atravesadas por grandes tensións e rupturas, foi directamente apadriñada pola dirección estatal de Ciudadanos, de cuxo núcleo é moi próxima –singularmente de Juan Carlos Girauta, portavoz do grupo parlamentar de C's no Congreso--. 

Designada desde Madrid

Losada foi encomendada coa tarefa de introducir a marca laranxa no Parlamento galego. O  propio Albert Rivera resumíao nun recente mitin en Vigo ao asegurar que o obxectivo de C's nos comicios galegos é o de tentar que “ningún pedazo de España” fique sen a opción “centrista” que din representar.  Un cometido complexo á luz dos inquéritos que, de maneira reiterada, cuestionan que Ciudadanos atinxa representación no Pazo do Hórreo. A súa campaña ten un perfil moi xenérico, fuxindo de entrar no terreo do concreto, sen apenas definir propostas para Galiza e cun discurso que non sae do argumentario xeral de C's. Unha estratexia oposta á do Partido Popular cun deseño de campaña destinado a envolver de galeguidade a Feijóo, afastándoo das súas propias siglas.

Losada foi a única aspirante á presidencia da Xunta que non se expresou en lingua galega no debate a 5 na TVG

Profundamente antinacionalista, o bautismo de campaña de Losada no pasado debate a 5 na TVG saldouse cunha forte patinada. Foi a única candidata que non se expresou en lingua galega. Teima que mantén tamén na actividade de campaña, a diferenza doutros referentes laranxas no país, como Marta Rivera de la Cruz que malia a súas posicións galegófobas optan nalgunhas ocasións por empregar a lingua propia de Galiza.

De Losada salientan a súa formación intelectual, a súa disciplina e precisión no traballo. A xornalista é tamén licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Complutense madrileña. Un trazo biográfico que, como Xoán Bascuas (CxG), tamén partilla cos principais referentes de Podemos.

Comentarios