Palmou di que o Consello de Contas carece de recursos suficientes contra a corrupción

“Pode que teña que deixar de facer algunhas funcións”, advertiu o conselleiro maior do organismo, preguntado pola reforma que será debatida nos próximos días no Parlamento galego.

Consello de Contas
photo_camera Consello de Contas


O conselleiro maior de Contas, Xesús Palmou, cre que o organismo precisará de máis recursos para asumir as futuras competencias na loita contra a corrupción, recollidas no proxecto de lei que será debatido nos próximos días no Parlamento galego. 

Palmou advertiu nunha entrevista na Cadena Ser de que, se non aproban máis medios, extremo que non recolle polo momento a proposta, o organismo de control e fiscalización das contas públicas terá que deixar algunha das funcións que realiza. 

“Este ano fixemos máis de 30 informes de auditorías operativas e sectoriais, alén das funcións obrigatorias. Se temos máis competencias, ao mellor temos que facer menos”, dixo o que fora conselleiro de Xustiza con Manuel Fraga.  

Porén, o conselleiro maior de Contas sinalou a importancia da reforma que propón o goberno galego. Unha reforma criticada pola oposición perante a súa histórica relación co PP, do que foi militante até que ocupou o actual cargo.

“Coas novas competencias poderemos coñecer feitos e circunstancias que nos permitan saber onde existen riscos de corrupción e propoñer medidas para eliminalos”, afirmou Palmou, que considera fundamental que “existan mecanismos internos para evitar desde os propios partidos que haxa distracción de cartos e esas supostas caixas B”.

Comentarios