A paisaxe despois da batalla: tacticismo a esgalla (e II)

Após o 24M, reina o caneo a curto prazo.

Pedro Sánchez, municipais2015
photo_camera Sánchez, nun mitin na Coruña


O PSOE non se move porque o PSOE é a socialdemocracia e son os demais os que se pelexan pola propiedade desa patente ideolóxica. Ese é o discurso de Pedro Sánchez. Non vai haber xiro: son os outros os que xiran do culto a Chávez á profesión de fe escandinava.

Mentres, Podemos emite a mensaxe de que o PSOE está baixo mínimos (o pior resultado desde 1979, lémbralle Iglesias a Sánchez), ao tempo que se postula como ferramenta (marca e siglas) para o cambio. Esta, a de Podemos, é a socialdemocracia verdadeira e non haberá acordo co PSOE se eles -social-liberais- non completan no mínimo a metade dun xiro de 360 graos (o rupturismo era isto: levar o PSOE ao seu rego). 

Xa sabemos que a política é a ocupación dos espazos e PSOE e Podemos teñen un problema: tencionan ocupar o mesmo espazo: a socialdemocracia

PSOE e Podemos óllanse desde a distancia e os seus líderes crúzanse breves chamadas por telefone. Xa sabemos que a política é a ocupación dos espazos e PSOE e Podemos teñen un problema: tencionan ocupar o mesmo espazo. Ou sexa, sobra un deles. Duelo en OK Corral servido.

E logo están as Mareas. Os seus componentes partidarios -Anova e o sector renovador de Esquerda Unida- apostan inequivocamente nunha Marea Galega ao Congreso e nunha Marea Galego ao Parlamento Galego. Con Podemos, claro. A tensión aí con Pablo Iglesias é inevitábel no curto prazo. Beiras, nunha entrevista en eldiario.es, analisa que Podemos caiu na tentación de formular un proxecto hexemonista (baseado en que Podemos se bastaría para facer por si só todo o traballo político de liquidación do rexime bipartidista) cando a realidade dos factos (eleccións andaluzas e as autonómicas do 24M) virían a pór sobre a mesa que en absoluto son hexemónicos. Anova/EU continuarán a premer sobre Podemos coa esperanza de que Iglesias finalmente cederá e abrirá a man a un escenario en que a marca e as siglas puidesen ser na Galiza distintas ás das circunscricións españolas.

E o BNG? O Bloque lanza unha proposta de lista de país ao Congreso ás outras forzas políticas galegas -entendendo como tais as que teñen aquí o seu centro de decisión- e ao conxunto da  sociedade galega. Unha proposta nacionalista strito sensu que salve elementos estratéxicos do movimento soberanista, entre eles o principio de auto-organización. Vamos, que a estas alturas non é pensábel que a emancipación dun país teña de depender da maior ou menor resistencia ás presións que poda ter un profesor de Políticas da Complutense de Madrid.

Comentarios