A paisaxe despois da batalla (I)

Como fica o nacionalismo após o 24M? A pergunta paira sobre o BNG. Os primeiros sinais que emitiu a organización oscilaron entre as mensaxes á freguesía máis próxima (tidas nas redes por autocompracentes) e o saudábel exercicio de autocrítica (a alusión de Vence a que os cambios introducidos na última etapa foron positivos, mais insuficientes). A situación para o Bloque é no mínimo complexa. O horizonte inminente debuxa un desafío enorme, as xerais de novembro/decembro. Comeza a conta atrás.

roldaprensaPrimarias marea atlántica
photo_camera Rolda de imprensa da Marea atlántica


En realidade, o 24M foi un combate eleitoral con tres escenarios perfeitamente diferenciados en función dos concellos concernidos. Vexamos. No primeiro, basicamente nas cidades, o BNG competía co bipartidismo e coas forzas emerxentes, nomeadamente coas marés. No segundo, o BNG víase as caras só co bipartidismo. No terceiro, o BNG defendía o seu poder municipal, a súa xestión de goberno. Os resultados da xusta eleitoral nos distintos campos de xogo son ben desiguais.

No primeiro escenario, BNG face todos, os resultados foron ou insatisfactorios ou maos, nomeadamente en Vigo e Ourense. 

No segundo escenario, BNG face o bipartidismo, os resultados foron máis menos aceitábeis.

No terceiro, BNG a defender o seu poder municipal, a colleita foi moi positiva, coa conquista da maioría absoluta en Carballo e o ascenso á condición de primeira forza en Pontevedra. Tamén brillou a formación frentista noutros concellos, de Ribadeo a Tomiño pasando por Bueu e Allariz.

Esta situación de triple combate eleitoral non se vai reproducir nos comicios que temos por diante: as xerais de novembro/decembro e as galegas de outono de 2016. Nelas o BNG irá disputar a contenda a campo aberto, face todos, as ofertas políticas vellas e as novas. A cuestión chave aquí é sabermos por que o BNG hoxe non acaba de ser competitivo no plano eleitoral face as novas forzas emerxentes, verbigratia, as Mareas máis ou menos podemitas coas que tivo que lidar en cidades como A Coruña ou Santiago, nomeadamente.

A cuestión chave aquí é sabermos por que o BNG hoxe non acaba de ser competitivo no plano eleitoral face as novas forzas emerxentes

Non vou facer aquí un tratado de socioloxía primeiro porque son xornalista e non sociólogo e segundo porque para facer tal cousa precisaría de dados demoscópicos ex post o 24M dos que naturalmente carezo. Aliás, si podo antecipar tres hipóteses sobre por que as Mareas triunfaron e por que o BNG non deu rentabilizado o seu traballo de oposición, embora o labor de Rubén Cela ou Xosé Manuel Carril, por pór dous nomes, gozase de boa reputación nas súas cidades. Primeira hipótese, as Mareas representan a Nova Política, en tanto que o BNG é percibido como unha forza política tradicional, con dificuldades de adaptación a un meio ambiente en estado de cambio permanente. Segunda hipótese, as Mareas propoñen no combate ideolóxico fórmulas light, non un discurso forte (dos que te obrigan a optar e a tomar partido, quer no social quer no nacional). Fórmulas light e eclécticas: así na Coruña a mensaxe foi basicamente podemita ("nen dereitas nen esquerdas", etc, aliás esa liña fórona modulando durante a campaña), en tanto que en Santiago o cóctel era distinto, síntese de galeguismo e socialdemocracia cidadanista. En definitiva, unha certa labilidade de catch all party (todo o que entra na rede é peixe) que á hora de captar apoios nas urnas tivo unha eficacia evidente. E terceira hipótese, as Mareas asociáronse desde o principio á ideia da unidade, conceito de popularidade indubidável, mentres o BNG no imaxinario colectivo se ligaba á ideia da resistencia, do que se resiste a ser asimilado, un conceito de dixestión máis difícil para as populacións. 

A emancipación nacional só será posíbel se as forzas propias do país se manteñen como tais

Con independencia de se callar ou non unha Marea Galega ao Congreso ou á Xunta, o campo está minado para o BNG e a fronte nacionalista sábeo. A tarefa por diante é titánica. A liña é a das asembleas abertas: continuar a tender pontes á sociedade non organizada politicamente, aprofundar na auto-organización e moverse por abaixo. Ter afouteza, si, deseñar horizontes, claro, mais sabendo sempre que terreno se pisa. E colocar como discurso básico Galiza, Galiza, Galiza. En xogo está a supervivencia dun espazo político nacional galego que non sexa simplesmente un eco das dinámicas estatais.

Canto ás apelacións á unidade, haberá que esforzarse aínda máis en explicar que o nacionalismo non se pode coligar con forzas políticas que defenden a unidade do Estado que nega a soberanía da Galiza, forzas políticas que combaten o soberanismo en Euskal Herria e Catalunya e que teñen o seu centro de decisión en Madrid.

Diredes que hai nacionalistas que si están nesa unidade, de acordo, mais se reparades veredes que eses nacionalistas non enuncian o seu nacionalismo, veredes que falan ante todo, e sobre todo, de esquerda, de cidadanismo, da xente, de rebeldía, mais non da nación galega, non do nacionalismo. En definitiva, a emancipación nacional só será posíbel se as forzas propias do país se manteñen como tais, só será posíbel se afirman a súa independencia fronte a expresións políticas nadas en España.

Comentarios