José Luis Gómez

"O país galego está abocado a decantarse nun Estado federal asimétrico"

Analista e colaborador de varios meios, editor de Mundiario.Com, xornalista cun longo percurso profisional ás súas costas, José Luis Gómez é quen toma a palabra esta sexta feira no #VenhanMais5.

José Luis Gómez
photo_camera José Luis Gómez, nunha tertulia na TVG

- Como ves o actual estado da política galega?

- A Constitución española do 78 fala de nacionalidades e rexións, do cal se desprende que Galicia non é unha rexión e goza dun estatus singularizado, suponse que xunto con Cataluña e Euskadi, mesmo cando a Constitución non o explicita. Xa que logo, Galicia acadou ese estatus por razóns históricas de tipo político e cultural. Agora, nestes tempos de cambio, o país galego está abocado a decantarse, como parte dun Estado federal que leva camiño de ser asimétrico, na liña esbozada por Pasqual Maragall. Hoxe, polliticamente, Galicia ten unha dereita unida e unha esquerda fragmentada. No primero caso non hai nacionalismo e no segundo si. Non é doado falar neste contexto de proxecto de país compartido, pero os vimbios son os que son. Imponse a política transversal en clave de país, de cara a unha posible reforma constitucional e tamén para reparar as eivas da crise: desigualdade, pobreza, devaluación salarial, etcétera. De portas adentro, a dereita ten problemas pero ningún deles grave, e a esquerda e o nacionalismo están agora máis lonxe de ser alternativa do que estiveron na recta final do fraguismo, pero o normal en democracia é que tamén se asente a alternancia, de momento reducida ás grandes cidades. Galicia precisa un proxecto de país que culmine cun novo modelo produtivo e teña influencia na política do Estado e da súa man en Europa.

O normal é que Sermos acompañe desde a rede o cambio sociopolítico e económico dunha nova xeración

-Que evolución agardas a cinco anos vista?

-Unha cousa é a evolución que agardo, e outra a que vexo máis probábel. Gustaríame un país con peso político en España, capaz de ver o mundo desde Galicia, que aproveitase a súa inmensa riqueza natural e tamén o feito de ter aquí tantos milmillonarios; sobre todo na Coruña. Por agardar, non deixaría fora o desenrolo dos dous motores do país: A Coruña e Vigo, como áreas metropolitanas capaces de tirar de Galicia nos planos da economía, a cultura e a política. En cambio, non vexo probábel que vaia acontecer todo o que xa é realidade en Cataluña ou en Euskadi, países nos que Barcelona e Bilbao son as verdadeiras vangardas, tanto de portas adentro como de cara a fóra. Temos que aprender a ver o mundo desde Galicia, precisamos un gran motor urbano, no que a xente nova se sinta a gusto e deixe de emigrar. Hai que construir unha Galicia nova, con xente moza, na vangarda de Europa.

- Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

- Sermos é un medio necesario nun país plural como é Galicia. O normal é que Sermos acompañe desde a rede o cambio sociopolítico e económico dunha nova xeración. En galego, por suposto, e con criterios progresistas. A prensa de tendencias -non a confundamos coa partidaria ou a oficialista- é habitual nas grandes democracias. Agardo do futuro de Sermos que nos traia bon xornalismo, máis pluralismo e -evocando ao mestre Scalfari- un xeito especial de contarlle a xente o que lle pasa a outra xente.

Comentarios