El País defende a continuidade do PP cun candidato distinto a Rajoy

O diario tradicionalmente aliñado co PSOE publica un editorial sob o título de "Rajoy non pode, Sánchez non debe".

El País
photo_camera El País

Arrecian as presións sobre Pedro Sánchez para que renuncie a formar unha maioría de goberno alternativa no actual Congreso. Neste caso é o rotativo madrileño El País, órgao moi influente nas bases do PSOE, quen se decanta claramente por unha grande coligazón bipartidista cun candidato distinto a Rajoy.

Rajoy, moi tocado polo mal resultado do seu partido o 20D (123 deputados, o pior dunha primeira forza políticas no actual réxime) e pola corrupción, non lle merece confianza ao diario que preside Juan Luis Cebrián: "O presidente non ten xa nada que oferecer a este país como non sexa o seu retiro. É preciso que diga de vez se aspira a ser xefe de goberno ou, se non o pode conseguir por falta de apoios, que dea paso a outra persoa para que o intente". Aí nesa frase final estaría a chave que, de acordo con El País, podería desanoar a situación e evitar que o actual Congreso resulte nun parlamento falido, un hung parliament. Ou sexa, non a Rajoy, si a un candidato ou candidata alternativa.

"É preciso que diga de vez se aspira a ser xefe de goberno ou, se non o pode conseguir por falta de apoios, que dea paso a outra persoa para que o intente"

A outra opción, a de un goberno presidido por Sánchez, non a ve desexábel El País, entre outras cousas porque xa de inicio desbota a hipótese dunha coligazón con Podemos. Isto é, Sánchez só podería gobernar en solitario, o que o tornaría nun "refén" de "quen centran os seus obxectivos en separar Catalunya de España", afirma en alusión a ERC e Democrácia i Llibertat. É ben lembrarmos que sen a abstención destas dúas formacións independentistas non sería viábel a formación do goberno.

"Antes que procurar a calquera prezo unha investidura debería sentarse a reflectir sobre o papel que lle corresponde desempeñar hoxe a unha forza progresista e europeísta, social e anovadora, moderada e madura", editorializa o rotativo madrileño.

Aliás, El País opina tamén que o crecimento eleitoral de Podemos foi favorecido polo PP e "as televisións da dereita" co obxectivo estratéxico de debilitar o PSOE, nunha reedición da "pinza" que, ao seu xuízo, Aznar estabeleceu no seu día cos "comunistas de Julio Anguita".

Tamén desde a órbita socialista Alfonso Guerra, nun artigo na revista Tempo, se posiciona en contra do acordo de Sánchez coa esquerda estatal e coas formacións independentistas. Para o líder histórico do PSOE, o "dereito a decidir" que formulan Podemos e os seus parceiros representa "unha dificuldade insalvábel" para a negociación.

Comentarios