Paco Vázquez volverá dar apoio público a un acto ligado a Ciutadáns

O ex-alcalde da Coruña reta de novo ao seu partido e anuncia que formará parte dunha homenaxe á Transición organizada por Unión Coruñesa, a formación localista que traballa no intento de aterraxe en Galiza de Movimiento Ciudadano, o partido españolista de Albert Rivera.

paco
photo_camera Vázquez é Rivera.

Francisco Vázquez, ex-alcalde da Coruña, antigo secretario xeral do PSOE galego e que tamén foi embaixador de España no Vaticano, anunciou un novo movemento público que reabre a posibilidade dalgún tipo de regreso á primeira liña política, desta volta fóra das súas siglas históricas.

 

Vázquez participará o venres 2 de maio nun acto en defensa da Transición que organiza Unión Coruñesa, o pequeno partido do dereitista Carlos Marcos e que nos últimos meses serve tamén de plataforma en Galiza de Movimiento Ciudadano, a marca que utiliza para a súa expansión por todo o Estado de Ciudatans, a forza españolista que lidera o catalán Albert Rivera, de ideoloxía moi semellante á UPyD de Rosa Díez.

 

Xa hai tres meses, Vázquez participou nun acto na Coruña que precisamente era a presentación no proxecto de Rivera, co que comparte unha visión centralista e tradicional de España. Aquel apoio público provocou críticas dentro do PSOE -por exemplo da deputada ourensá Laura Seara- que aínda así, e como é habitual, non supuxo ningún tipo de medida contra o ex-alcalde coruñés.

 

O feito de que Vázquez repita nun evento destas características volve alimentar as teorías que afirman que é posíbel que a medio prazo acabe deixando o Partido Socialista para concederlle o seu respaldo total tanto a Movimiento Ciudadano como a Unión Coruñesa, formación esta última que pode resultar básica para servir de marca branca do PP e evitar que Negreira -que mantén unha estreita afinidade política e persoal con Vázquez- perda a alcaldía nas municipais de 2015.

 

Na homenaxe á discutida Transición que terá lugar o 2 de maio tamén participarán José Luis Meilán, home forte da UCD e da dereita coruñesa na súa época, e o ex-presidente de Estremadura Juan Carlos Rodríguez Ibarra, outro socialista de ideas españolistas de aires ultras.

Comentarios