Pachi Vázquez rexeita aclarar se optará á re-elección nun Congreso do PSdeG que segue sen ter data

O secretario xeral d@s socialistas de Galiza asegura nunha entrevista que o PSdeG contará cunha nova dirección "antes do verán", porén a orde do día do Comité nacional que debera convocar as pregoadas eleccións primarias, non recolle a súa convocatoria na orde do día.
Dirección do PSdeG no último Comité nacional [Imaxe: PSdeG]
photo_camera Dirección do PSdeG no último Comité nacional [Imaxe: PSdeG]

O PSdeG segue sen formalizar a data para encetar a "nova etapa do socialismo galego" da que tanto se escoita falar entre as filas socialistas. Dunha banda, a súa base militante exixe un cambio de rumbo, unha viraxe de 360º que rache coa perda de apoios do partido colleitada pola formación nos últimos procesos electorais, non só na Galiza.

Malia a que outras federacións, nomeadamente a de Euskadi, xa desenvolveron seu Congreso para renovar a dirección e submeter a debate os textos do partido, o PSdeG segue a adiar a convocatoria do Congreso en grande medida pola presión militante que exixe a convocatoria de eleccións primarias na escolla da nova Secretaría xeral, unha cuestión que non aparece recollida nos Estatutos da formación.

"Ese Comité nacional marcará un antes e un despois"

Listaxes abertas e novas circunscricións eleitorais: as propostas de Pachi Vázquez
O aínda líder do PSdeG aseguraba nunha entrevista concedida esta fin de semana ao xornal El País, que o Comité nacional que terá lugar o vindeiro 2 de marzo "marcará un antes e un despois" para a formación ao supor "unha revisión en profundidade das bases do partido", asegurou Pachi Vázquez. No entanto após as eleccións van xa dous meses e a dirección política do PSdeG aínda non mudou, como tampouco o fixeron os posicionamentos socialistas. Aliás, o secretario xeral do PSdeG afirmou que logo de falar con Rubalcaba presentaría perante o Comité nacional unha proposta "completamente estatutaria" o que fai dubidar a respecto da convocatoria de primarias que exixiría de maneira obrigada mudanzas nos Estatutos da formación. Así pois asegurou que procurarían "vías estatutarias" das que obter "a permeabilidade" necesaria que permita a devandita convocatoria. Porén, fica por saber se será este o Comité nacional do que saia a data de celebración que o aínda líder d@s socialistas afirma será "antes do verán".

"Proporei que toda a militancia fale para elixir á nova dirección"

Así as cousas, Pachi Vázquez --que rexeitou referirse de maneira clara nas súas respostas á convocatoria de primarias-- asegurou que o conclave d@s socialistas iría para alén da mera convocatoria electoral e procuraría importantes mudanzas no rumbo do partido. "Debemos mellorar moito a calidade democrática, en transparencia, en limitación de mandatos [que fixa en non máis de 3 anos], en listaxes abertas" aseverou o secretario xeral socilista quen acrecentou que a súa proposta abranguería tamén unha modificación na delimitación das circunscricións eleitorais en aras de achegar "os deputados aos seus votantes".

Besteiro, o único candidato até o momento
O certo é que entre os dirixentes do PSdeG as opinións son diversas a respeito das primarias. Neste senso, entrementres o seu presidente, López Orozco, amosou un posicionamento contrario á convocatoria, o tamén lugués José Ramón Besteiro xa anunciou a súa candidatura a finais do pasado ano 2012 rodeado de 800 militantes de base que aseguraban procurar "un novo socialismo galego". Porén, José Blanco segue a ser a incógnita do conclave. Inmerso nunha investigación por suposto delito de corrupción o ex-ministro podería concorrer ás primarias se as súas causas pendentes coa xustiza o permiten, unha cuestión que o líder d@s socialistas asegura "só o pode dicir el".

Comentarios