Pachi Vázquez e os outros catro edís do Carballiño, absoltos dos cargos de prevaricación

A xuíza exonera o ex secretario xeral do PSdeG e os outros catro edís do Carballiño que foron acusados de ter "enchufado" persoas.

Manuel Pachi Vázquez será xulgado pola súa etapa de rexedor. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manuel Pachi Vázquez foi xulgado pola súa etapa de rexedor. (Foto: Europa Press)

O ex secretario xeral do PSdeG e exalcalde do Carballiño, Pachi Vázquez, foi absolto do delito de prevaricación pola contratación de 60 persoas que lle imputaba o Ministerio Fiscal e polo que foi xulgado a finais do 2020 en Ourense.

O xulgado do Penal 2 exonerouno xunto os outros catro edís que traballaban no Concello de Carballiño entre os anos 1995 e 2011.

Nunha sentenza contra a que cabe recurso de apelación, que se presentaría ante a Audiencia de Ourense, a maxistrada considera que non hai probas de que se vulnerasen os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade nestas contratacións, ao contrario do que sostiña a fiscal que pedía dez anos de inhabilitación para Vázquez -actualmente en activo en Espazo Común-.

"Nin puidemos concluír que na contratación dos traballadores se prescindise totalmente dun procedemento de selección que tentase respectar os principios de publicidade, mérito, igualdade e capacidade, nin tampouco que os acusados actuasen con conciencia de arbitrariedade nas resolucións que chegaron a ditar no exercicio dos seus cargos", sinala a sentenza.

Expón ademais que o delito de prevaricación "tampouco" pode apreciarse "en relación coas prórrogas ou á declaración de indefinición".

Así, insiste en que non se puido probar que os acusados, nos seus respectivos cargos no Concello de Carballiño, "ditasen resolucións arbitrarias e con coñecemento da súa ilegalidade".

Pachi Vázquez foi absolto dos cargos xunto con Carlos Montes -que sucedeu Vázquez na alcaldía municipal-, María Elisa Domínguez -edil de asuntos sociais e alcaldesa en funcións durante dous meses-, Alfonso Prado e José Antonio Barge -ambos os ex edís de persoal-.

Comentarios