Pachi Vázquez anuncia primarias para elixir secretari@ xeral no PSOE e non descarta presentarse

O partido perdeu sete escanos respecto aos 25 obtidos en 2009, uns malos resultados dos que o político do Carballiño se responsabilizou "en calidade de candidato e de secretario xeral". Porén, non desbota repetir no cargo
photo_camera Pachi Vázquez [SG]


O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez, anuncia que a militancia da formación política escollerá a persoa que ocupará este cargo "antes do verán" a través dunha eleccións primarias.

"Non hai outra posibilidade", comentou diante dos micros da Cadena Ser o que foi candidato á Xunta nos comicios do 21-O, colleitando uns resultados en virtude dos cales, malia ser aínda primeira forza da oposición, senta sete representantes menos no Parlamento galego respecto d@s 25 que Emilio Pérez Touriño obtera nas eleccións de 2009.

A posibilidade das primarias "é innegociábel", dixo o ex alcalde do Carballiño, que non desbotou a posibilidade de se volver presentar para o cargo malia ter asumidos os malos resultados "en calidade de secretario xeral e de candidato", tal e como apuntou na súa comparecencia perante a imprensa na noite electoral.

Anunciou daquela "un escenario de profunda reflexión" na organización política á cal representa: "as decisións neste partido non se toman nunca en chave persoal e eu entendo a responsabilidade como estar ás duras e ás maduras", subliñou. O carballiñés refusou renunciar ao cargo que ostenta. A executiva galega decidiu que seguira á fronte do PSOE até o congreso extraordinario de 2013, cuxa data se fixará nun comité nacional que se realizará, segundo dixo Vázquez, ou o 23 de febreiro ou o 2 de marzo.

Comentarios