Pachi Vázquez adía tres meses as primarias no PSdG para evitar o veto de Madrid

A consulta á militancia para escoller secretari@ xeral estaba fixada para o 1 de xuño. Porén, ao ter que pasar a proposta polo Comité Federal que se reúne en xullo, a proposta do do Carballiño terá que se retrasar até o 7 de setembro. O consello extraordinario fica marcado para o 29 do mesmo mes

photo_camera [Imaxe: PSdG-PSOE]


O secretario xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, viuse avocado a adiar até setembro a convocatoria de primarias en Galiza para evitar o veto de Ferraz.

Así o recoñeceu no Comité Nacional que se celebrou esta sexta feira en Compostela, onde o carballiñés a consulta para o 7 de setembro e o congreso extraordinario para o 29 do mesmo mes. 

Sinalou Vázquez que "hai un acordo sobre a nosa proposta" porque "dentro dun ano" preguntar á militancia será norma do partido á hora de escoller @ secretari@ xeral, mais "nós non podemos agardar tanto", até a reforma dos estatutos.

Por isto, explicou, Madrid "fará unha excepción con Galiza", onde despois da consulta se convoca a xuntanza extraordinaria. O PSOE non permite "primarias" senón "unha consulta á militancia". Porén, Pachi Vázquez enfatiza que "no fondo, é o mesmo". 

O documento aprobado na xuntanza desta sexta debe ser transladado ao Comité Federal, cuxa convocatoria está prevista para xullo, condición que "obriga necesariamente" a adiar as datas que o secretario d@s socialistas galeg@s achegara en marzo: consulta o 1 de xuño e congreso extraordinario o 6 de xullo.

A proposta de Vázquez ficou apoiada con 131 votos a favor e 8 votos en contra, fronte a 71 abstencións que discutiron a data da convocatoria. Vázquez presentou as primarias como "un procedemento pioneiro no socialismo español" que se desenvolverá exclusivamente na Galiza. Porén, haberá que agardar pola benzón de Madrid.

Comentarios