SESIÓN DE CONTROL NO PARLAMENTO GALEGO

Triple non de Feijóo a perguntas de Jorquera sobre Lucas e o financiamento do PP

Nova sesión de control a Feijóo e nova sesión en que a longa sombra de Pachi Lucas pairou sobre o Hórreo. Fogo graneado, especialmente intenso no duelo Feijóo-Jorquera.

Alberto Núñez Feijóo e Francisco Jorquera
photo_camera Feijóo e Jorquera

O elo que une a Feijóo con Pachi Lucas -unha íntima amizade que leva a este a pernoctar en Monte Pío- continúa a ser o fío argumental das sesións de control no Parlamento de Galiza e continuará a ser así mentres o presidente do goberno galego non compareza na cámara para informar nunha sesión monográfica sobre este asunto.

De acordo coas investigacións policiais, Pachi Lucas é o conseguidor dunha trama de empresas que se dedicaban presuntamente a obter fondos públicos de forma fraudulenta para realizar cursos de formación para persoas que están no desemprego. Estes cursos ou ben se impartían de forma irregular ou directamente non tiñan lugar.

A persoa chave na trama é Gerardo Crespo, destacado militante do PP, recentemente expulso da organización, estreitamente relacionado con Carlos Negreira, alcalde da Coruña. Entre 2008 e 2012, a trama fíxose con 20 millóns de euros (15 da administración galega e 5 da estatal).

"Está en condicións de afirmar, categoricamente, ante este Palamento que descoñecía que o señor Lucas traballaba de conseguidor para esta trama? Si ou non?"

"Está en condicións de afirmar, categoricamente, ante este Palamento que descoñecía que o señor Lucas traballaba de conseguidor para esta trama? Si ou non?", perguntou Jorquera con vehemencia. E deixou dúas outras cuestións, ambas culminadas coa coda  "si ou non?". "Está en condicións de desmentir, rotundamente, ante este parlamento, que é falso que vostede advertise ao señor De Lucas que tiña os telefones pinchados? No sumario alúdese a pagos en B, por parte da trama ao seu partido, pode afirmar tamén vostede neste parlamento, de xeito categórico, que é falso?".

Feijóo respondeu con contundencia: "A resposta a todas esas perguntas é rotundamente non", dixo con énfase para, a seguir, facer un relatorio das medidas de compromiso contra a corrupción promovidas polo PP. Previsibelmente, Feijóo pasou ao contra-ataque e dirixiu os seus míseis á Deputación de Lugo: "En financiamento sospeitoso o quilómetro 0 está na Deputación de Lugo, na que cogobernan", dixo.

Houbo unha cuarta pergunta de Jorquera que ficou sen resposta por parte de Feijóo. O portavoz do BNG inquiriu ao presidente da Xunta se demitiría no caso de que a investigación xudicial demostrase que, con efeito, si houbo financiamento irregular por parte do PP. Feijóo sobrevouu esa cuestión.

Por súa parte, Méndez Romeu, o portavoz do PsdeG-PSOE, perguntou a Feijóo se "recibiu o seu partido directa ou indirectamente financiamento de fontes públicas", mentres que Yolanda Diaz, viceportavoz de AGE, demandou ao titular da Xunta que "depure" as persoas "do seu partido implicadas nesa trama".

"Vostede quere que sexa críbel que non saiba a que se adicaba o seu amigo?", inquiriu Díaz, quen bateu cun clásico nos contragolpes parlamentares de Feijóo, que por enésima vez pasou revista aos EREs de Andalucía.

Comentarios