Pachi Lucas, o "conseguidor", nunha mensaxe a Crespo: "Feijóo vai ser chave"

O sumario da Operación Zeta comeza a salpicar o presidente da Xunta. A persoa apuntada pola investigación policial como "o conseguidor" enviou unha mensaxe a Gerardo Crespo en 2011: "Feijóo vai ser a chave".

Feijóo vai ter difícil argumentar que non ten ningunha relación con protagonistas destacados da Operación Zeta -algúns deles, cargos do seu goberno que xa foron cesado dos seus cargos, como o director xeral de Traballo, Odilio Martiñá- e moi nomeadamente con Francisco Ramón Lucas Blanco, coñecido como Pachi Lucas.

Fontes consultadas por Sermos Galiza indican que Lucas é unha persoa que ten pertencido ao círculo de amizades máis íntimas de Feijóo.

Este empresario madrileño xogou un papel moi relevante na trama pretensamente orquestrada polo militante do PP Gerardo Crespo para obter de forma fraudulenta fondos públicos a cambio de cursos de formación que en moitas ocasións nen sequer se chegaban a realizar.

Entre outubro e decembro de 2011, Crespo dirixe correios electrónicos ao enderezo dixital do presidente da Xunta

Pachi Lucas vendía a Crespo os seus contactos coa cúpula do Partido Popular e as administracións públicas -Xunta e Estado- que a formación conservadora controla.

Entre 2008 e 2012, os fondos obtidos pola trama ascenderon a uns 20 millóns de euros (15 da Xunta, 5 do Estado).

Reunión con Ana Pastor

De acordo con partes do sumario divulgadas hoxe pola SER na Galiza, a policía puido captar unha mensaxe dirixida por Pachi Lucas a Crespo en que lle comunicaba que conseguira unha entrevista con Ana Pastor, ministra de Fomento, e a seguir lle indicaba: "Feijóo vai ser clave".

A reunión teríase realizado na sede do PP, na rúa Génova, o 7 de xullo de 2011. Ana Pastor nega a reunión e di que nen sequer coñece a Crespo.

Entre outubro e decembro dese mesmo ano, Crespo dirixe correios electrónicos ao enderezo dixital do presidente da Xunta para se interesar por asuntos pendentes das súas empresas coa consellaría de Traballo.

Nos e-mail, o principal investigado na operación Zeta -a operación instrúe o xulgado número 6 da Coruña e a estas alturas xa hai 67 persoas imputadas- alude a unha conversa recente con Feijóo e lémbralle que a administración galega lle debe ás súas empresas pagos por valor de 225.543 euros.

"Podo entender as razóns de paralisar eses pagamentos até o próximo exercicio para conter a cifra de déficit", engade Crespo, mas ao tempo alega o dano que coa demora nos pagamentos se lle podería facer a moitas entidades.

Interpelado pola imprensa sobre esta cuestión, Feijóo alegou que como presidente recebe moitos correos e que a cuestión chave non está na accesibilidade electrónica do xefe do executivo, senón en se accede ou non ao que nos e-mail se lle pide. Obviamente, garantiu que el non accede a facer nada irregular.

Comentarios