Pablo Ruz coida probada a existencia dunha 'caixa B' no Partido Popular

O xuíz instrutor propón xulgar aos ex-tesoureiros Álvaro Lapuerta e Luís Bárcenas por delitos fiscais e de apropiación indebida.

Contas de Bárcenas publicadas por El País
photo_camera Contas de Bárcenas publicadas por El País

Pablo Ruz, xuíz instrutor da causa pola que se investiga o financiamento irregular do Partido Popular, deu por concluída esta segunda feira a instrución do caso e propón xulgar os ex-responsábeis de finanzas, Álvaro Lapuerta e Luíz Bárcenas, xunto co ex-xerente da formación, Cristóbal Páez. 

Aliás, o maxistrado tamén propón o xulgamento dos responsábeis da empresa Unifica, o estudo de arquitectura que levou a cabo a reforma na sede de Génova e cuxo custe foi sufragado con 1,7 millóns de euros 'en B'. 

No auto publicado, Ruz apunta tamén o propio Partido Popular como responsábel civil subsidiario por non ter declarado as doazóns que ilegalmente foron ingresadas no 2008 e polas que non terían tributado. Neste senso, Ruz tamén achega a imputación de 22 empresarios que aparecen como doantes nos papeis de Bárcenas. 

Para alén disto, o maxistrado abre unha causa separada que envía ao xulgado de Toledo en relación cun posíbel delito de prevariacións. Segundo o auto de Ruz deberase investigar unha adxudicación presuntamente irregular do servizo de recollida de lixo. A concesionaria, unha filial de Sacyr --SUFI-- tería ingresado na caixa B do Partido Popular 200 mil euros coincidindo coas eleccións autonómicas de 2007 na que foi eleita presidente da comunidade, María Dolores de Cospedal. 

Así as cousas, o xuíz entende que non existen elementos suficientes para proceder contra persoas aforadas polo que o proceso continuará nun tribunal ordinario. 

Comentarios