Carmen Santos desbota dimitir

Pablo Iglesias virá a Galiza para explicar a decisión de concorrer coa Marea

A secretaria xeral de Podemos na Galiza, Carmen Santos, saíu ao paso nas últimas horas das peticións de dimisión por parte de membros da formación morada após a integración do partido na Marea e das voces que aseguran que o acordo veu determinado por Madrid.

carmen santos podemos
photo_camera Carmen Santos é a secretaria xeral de Podemos na Galiza

O acordo anunciado na última hora da sexta feira entre Podemos e En Marea deixou a tremer a formación morada na Galiza após a súa secretaria xeral, Carmen Santos, defendera concorrer nunha coligazón e cun partido ás eleccións do 25 de setembro. Unha vez coñecido o acordo, as voces críticas non tardaron en xurdir. O portavoz de Xuntos Podemos, Carlos Armada, criticou duramente a decisión “antidemocrática” de Pablo Iglesias.

Diante desta situación, Carmen Santos asegurou que o líder de Podemos virá a Galiaz para explicar a decisión tomada. Para el, engadiu, foi “moi duro dar este paso”. “Creo que máis que pedir responsabilidades, aínda que son lexítimas, hai que esperar a falar todos xuntos”, salientou Santos, quen lembrou que o inimigo a bater é o PP.

Santos desbota a dimisión

Quen primeiro reclamou a dimisión de Santos após a integración de Podemos na Marea foi o ex senador José García Buitrón. Afirmou que a secretaria xeral levara a cidadanía e os compañeiros de partido “ao bordo do precipicio”.

"Cumprín unha dirección estatal de Pablo Iglesias e Íñigo Errejón"

Carmen Santos replicou, “creo que pedir a dimisión a unha persoa que o único que fixo foi cumprir os estatutos, cumprir todo o seu proxecto e cumprir unha dirección estatal de Pablo Iglesias, Íñigo Errejón e toda a unidade da executiva estatal, xunto coa executiva de Galiza e da man de todas as bases que conformamos este proxecto, é absolutamente insensato e ninguén entende pedir  unha dimisión por cumprir o que hai que cumprir”.

A Coordinadora de En Marea, “pouco xenerosa”

A responsábel de Podemos na Galiza respondeu, preguntada polos medios, que a Coordinadora de En Marea, foi “pouco xenerosa”, pois “non cederon en nada”. A respeito do proceso de primarias, Santos espera que se permita concorrer a Podemos “en igualdade”. “É o mínimo”, engadiu.

Luís Villares será o candidato de consenso

Unha das “moitísimas cuestións” nas que cedeu Podemos foi no candidato á presidencia da Xunta. Así, os membros do partido de Pablo Iglesias deron marcha atrás e deixaron o camiño libre a Luís Villares, “o candidato de todos e de todas, aínda que ten que pasar por primarias”.

Comentarios