NORIEGA SAúDA A PROPOSTA DUN GRUPO PARLAMENTAR GALEGO

Pablo Iglesias ve o acordo con Anova e IU "moi perto"

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, mantiveron unha reunión sobre a posibilidades de concorrencia ás eleccións estatais.

Podemos interior
photo_camera [Imaxe: Compostela Aberta]

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, e o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, mantiveron unha xuntanza esta mañá para falar sobre a posíbel concorrencia de Podemos e das mareas galegas ás eleccións estatais. Reuníronse despois dos desencontros que tiveron lugar no día de onte sobre a fórmula para se presentaren aos comicios. Aínda que, en declaracións recollidas por Europa Press, Pablo Iglesias se amosou “optimista” ao respecto, admitiu “diferenzas”, pois a formación que lidera persiste en manter as súas siglas na papeleta. Pola súa banda, Martiño Noriega saudou a proposta dun grupo parlamentar galego no próximo Congreso dos Deputados, aínda que advertiu de que “non debe haber corsés previos ou proxectos de casas prefabricadas namentres non se defina o campo de xogo”.


Iglesias, que ve “moi perto” o acordo con Anova e con IU, aposta para Galiza por un grupo parlamentar galego nado da confluencia no que participarían inscritos de Podemos e que mantería unhas “relacións estábeis” co grupo estatal da formación. Trátase da forma análoga que estuda Podemos para Cataluña. En ambos os casos, manteríase o logo do partido de Pablo Iglesias na papeleta. “Non só pensamos que podemos engadir outro nome, senón que en termos comunicativos en cada lugar pode haber diferentes formas de expresalo e de facer campaña, con independencia das papeletas que aparezan nos colexios electorais”, afirmou.  O propio Iglesias recoñeceu que esta é a principal traba para o acordo entre Anova, as mareas galegas e Podemos.
Malia o obstáculo das papeletas, o líder de Podemos ve próximo o acordo con Anova e IU, “o diálogo vai continuar, porque consideramos que estamos nun ano histórico no que a posibilidade de cambio é real”, salientou. Na mesma liña, Iglesias expuxo, a continuación, que “marcho coa sensación de que estamos moi perto e con moito optimismo e creo que as próximas semanas van servir para aclarar moitas cuestións”.


Noriega saúda a proposta dun grupo parlamentar galego


Pola súa banda, Noriega expuxo que o modelo de Podemos “é lexítimo”, aínda que as mareas están “localizadas nun proceso diferente, mais non incompatíbel”. Sobre se considera que a proposta de Iglesias de que haxa un grupo parlamentar galego propio desbloquea a posibilidade de acordo e mesmo permitiría a integración do BNG, Noriega apuntou que “non é só a cuestión da reivindicación nacional, senón que é importante recoller o proceso de acumulación”. Engadiu, ao respecto, que “o feito de poder facer unha aposta por un grupo parlamentar propio é un lugar de encontro e é un paso no que todos nos poderiamos sentir identificados”.


O alcalde de Santiago, que afirmou que segue aberta a posibilidade de diálogo, comunicoulle a Iglesias a importancia do proceso de unidade popular iniciado por Compostela Aberta, pois “permitiu disputarlle a hexemonía do PP e ser a lista máis votada”. “Estamos absolutamente convencidos de que ese, sen caer en mimetismos, debería ser o camiño”, salientou, “non debe haber corsés previos nin conceptos de casas prefabricadas mentres non definamos cal debe ser o campo de xogo”.

Comentarios