Pablo Iglesias: “Son favorábel a que haxa un grupo parlamentar galego”

O líder de Podemos di que o 20-D mostra que España é “plurinacional” e sitúa o seu partido como o “pegamento” para manter unido o país cun "proxecto" compartido.

Pablo iglesias
photo_camera Pablo iglesias

“Absolutamente favorábel a que haxa un grupo parlamentar catalán, un grupo parlamentar valenacián e un grupo parlamentar galega”. Pablo Iglesias expresou na súa comparecencia desta segunda feira para valorar os resultados eleitorais a súa aposta en que En Marea, En Comú Podem, e Compromís-Podemos teñan grupo parlamentar diferenciado. Díxoo en resposta a preguntas dos xornalistas e afirmando que eses grupos “son a mellor garantía da plurinacionalidade” do Estado. Foi esta, plurinacionalidade, unha das palabras máis repetidas por Iglesias durante a súa intervención.”España é plurinacional”, dixo, á vez que defendía Podemos como o partido que pode garantir a unidade de España en torno a un novo proxecto. O referendo en Catalunya é algo “imprescindíbel”, manifestou, ao tempo que defendía que Podemos pediría nel “un Si a un proxecto con España” e presdentaba a formación como a única que en Catalunya e resto do estado “defende que haxa un referendo”.

“Estadistas”

Non foi 'plurinacional' a única palabra que Pablo Iglesias repetiu na súa intervención. 'Estadista' foi outra delas. “Estamos no momento dos estadistas” para poder atinxir un “acordo de compromiso histórico”. Máis partidario de falar do que debe nutrir “a nova transición” que de falar de investiduras, o de Podemos situou no seu discurso cinco grandes eixos para abrir a porta á posibilidade dun acordo ou pacto. A reforma electoral, a blindaxe de dereitos sociais, o dereito a decidir o revogatorio do presidente do goberno e a reforma da xustiza. Condicións debulladas co PSOE como principal destinatario.

Pablo Iglesias anunciou que encetaría unha rolda de contactos con todas as forzas políticas representadas no Congreso para expoñer estes cinco grandes pontos. “Toca calma e altura de miras”, explicou, “xa non hai bipartidismo. Chegou a hora dos estadistas”.

Comentarios