COMPARECENCIA DE PABLO IGLESIAS

Podemos irá como tal ás xerais e abre a man a fórmulas distintas en Catalunya e Galiza

O secretario xeral afirma que o partido é “o paraugas de referencia” para o cambio e asegura que cara ás citas catalá e galega podería optar por outras fórmulas por mor das peculiaridades de ambos os dous "ecosistemas" políticos.

Pablo Iglesias

Podemos non será unha 'marea' nas eleccións xerais que se prevén para antes de que finalice o ano malia o éxito electoral desta fórmula nas eleccións do domingo pasado. O seu secretario xeral, Pablo Iglesias, reiterou esta quinta feira que mantén a folla de ruta deseñada na asemblea de Vista-Alegre e na que se apostaba en que Podemos iría en solitario aos comicios estatais. Fíxoo durante a rolda de imprensa para valorar os resultados das eleccións do domingo. Após afirmar que o resultado “ten poucos precedentes na historia da democracia española” e de cualificar de “gran acerto” as candidaturas de “unidade popular”; Iglesias reiterou que Podemos concorrerá como tal aos comicios xerais. “O noso estilo facilita encontros con moitos sectores. Podemos debe ser o paraugas que serva como referencia do cambio”, manifestou.

Despois do domingo, e co éxito electoral das ‘mareas’ en Barcelona, A Coruña, Madrid e Compostela; diferentes axentes políticos consideraban que se abría un escenario propicio para que Podemos optase por revisar a posición adoptada en Vista -Alegre e valorase ir ás xerais nunha fórmula máis plural. Mais semella que Podemos non se vai mover da súa posición inicial. Iglesias, iso si, apuntou que nos procesos de primarias que se abran de cara á esa cita coas urnas poderían participar xente doutras forzas políticas, lembrando que xa o fixo xente de Equo nas primarias de Podemos previas aos comicios andaluces.

“Podemos non entrará a formar parte de ningún goberno presidido por un candidato do PSOE”

Podemos, pois, vai concorrer con esta marca e en solitario, abrindo a posibilidade de que persoas doutras formacións fagan parte das súas listas se así o decidiren os resultados dos procesos de primarias.

Ecosistemas galego e catalán

A preguntas dos xornalistas, o secretario xeral de Podemos indicou que se estudarán excepcións nos “ecosistemas” galego e catalán, recoñecendo que en Catalunya e Galiza -con citas electorais en 2015 e 2016- hai matices a ter en conta. Ábrese pois a porta a plataformas supra-partidarias ou outras fórmulas nas que conflúan organizacións de esquerda e ‘independentes’. Non se referiu a Euskal Herria, onde Podemos ten en Nafarroa unha disxuntiva da que non gosta: ou apoiar un cambio que desaloxe do poder a dereita foral (UPN), o que o obriga a apoiar a Geroa Bai e EH BIldu; ou ben inhibirse, co custo que iso lle acarretaría tamén.

Pactos

“Podemos non entrará a formar parte de ningún goberno presidido por un candidato do PSOE”, dixo Pablo Iglesias, que anunciou que para que o seu partido apoie unha investidura “teranse que aplicar medidas de rescate cidadá e contra a corrupción”.

Comentarios