mércores 27.05.2020
PABLO IGLESIAS PROPóN UN GOBERNO CON PSOE, PODEMOS E IU

Sánchez, aberto a 'acordar' un goberno de 'progreso' após a oferta de Iglesias

O líder do PSOE exixe respeitar os "tempos" e "procedementos" marcados "non hai atallos". "É o tempo de Rajoy", dixo. "Se non forma goberno eu tentarei formalo". 

[Imaxe Casa Real]
[Imaxe Casa Real]

Pedro Sánchez, líder do PSOE, non fecha a porta a negociar un goberno de coligazón con Podemos após a proposta lanzada por Pablo Iglesias mais apela aos "tempos" e "procedementos" da Cámara baixa para, en síntese, gañar tempo. 

O secretario xeral socialista asegurou en comparecencia de imprensa despois da xuntanza con Felipe VI que "é o tempo de Rajoy". Neste senso, sinalou que agardará a que o candidato do Partido Popular perda a votación de investidura como candidatábel á Presidencia do goberno para, posteriormente, iniciar as conversas con "esquerda e dereita" na procura dun "goberno do cambio" que lideraría o PSOE. 

Pedro Sánchez (PSOE): "É o tempo de Mariano Rajoy"

"Os votantes de PSOE e Podemos queren que nos entendamos e por min non vai ser", asegurou en resposta ás preguntas dos medios. Riba da mesa para ese hipotético acordo de goberno situou "oito grandes acordos" que pasan por recuperar os Pactos da Moncloa (1978), a derrogación da LOMCE e un novo acordo en materia educativa, a "reconstrución" do Estado do Benestar e dos Pactos de Toledo (pensións), un proceso de rexeneración institucional, un pacto contra a violencia machista, deseñar o papel do Estado español "na construción europea" e unha "reforma constitucional" que procure resolver o proceso independentista en Catalunya. 

Sánchez esquivou calquera pregunta que lle exixise tomar posición a respeito da proposta lanzada desde Podemos. "Entrei en Zarzuela sen goberno e semella que saín con todos os ministros colocados", dixo entre brincadeiras.  

A proposta de Iglesias

Pablo Iglesias transmitiu ao chefe do Estado, Felipe VI, a súa disponibilidade a ser vicepresidente dun goberno presidido por Pedro Sánchez, "dun goberno do cambio, un goberno progresista".

Pide un ministerio para En Comú Podem do que dixo "estaría encantado" que estivese en mans de Xavier Domenech, quen acompañou a Iglesias na comparacencia de imprensa. A respeito do referendo en Catalunya o líder de Podemos asegurou que "esa proposta" está en discusión xunto "con outras" que foron trasladando publicamente nos últimos días. Destarte, sinalou que "non hai liñas vermellas". 

Fontes de Anova sinalan que Iglesias falou con Beiras antes da comparecencia

A proposta de Iglesias abrangue a Podemos e tamén "as confluencias", explicou. Porén, non estaban presentes na comparecencia representantes de En Marea, embora estar integradas no grupo parlamentar da formación lilá. Segundo informaron fontes da coligazón consultadas por Sermos Galiza, a ausencia [email protected] parlamentares débese a que ningún deles se atopaba esta sexta feira (22 de xaneiro) en Madrid. Aliás, as mesmas fontes indicaron que a vindeira segunda feira En Marea explicará publicamente na Galiza por que non rexistraron grupo parlamentar propio. 

No entanto, fontes de Anova informaron que Iglesias chamou a Beiras antes da comparecencia de imprensa. 

Pola súa banda, o secretario xeral de Podemos apelou á "lealdade institucional" para explicar as razóns que o levaron a facer pública a proposta do hipotético goberno sen ter conversado antes con Pedro Sánchez (PSOE) e Alberto Garzón (IU), como el propio afirmou. 

Iglesias a Sánchez: "Que sexa presidente é un sorriso do destino que sempre terá que agradecer"

Neste senso, dirixiuse inicialmente ao xefe do Estado, Felipe VI, e avanzou que se comunicará telefonicamente con Sánchez e Garzón "hoxe mesmo". 

Entre os plans de Iglesias está mesmo deseñado un bosquexo de organigrama no que el propio asumiría a vice-presidencia do executivo e no que Podemos se faría responsábel dunha parte das carteiras ministeriais, concretamente catro, como Interior, Defensa ou mesmo Economía. 

Pablo Iglesias asegurou que após os resultados do 20-D cómpre un "goberno proporcional" e non unicamente en mans do PSOE. Ao seu líder dirixiu unha mensaxe clara ao afirmar que a posibilidade de Sánchez gobernar sería "un sorriso do destino que el sempre terá que agradecer". 

Aliás, reclamoulle "transparencia" nas negociacións que se puidesen abrir a partir de agora e mesmo apuntou a conversas "retansmitidas" ou "televisadas" nas que non existan "preguntas pactadas". "Temos unha sociedade madura", sinalou. Así pois, emprazou a imprensa a 


Recortes 

En resposta ás preguntas da imprensa a respeito do pacote de recortes que exixen as institucións europeas --en total 10 millóns de euros en 2016-- Pablo Iglesias afirmou que "se nós gobernamos explicaremos aos nosos socios europeos que España non está para máis recortes". Un camiño que de facto xa percorreu o goberno de Alexis Tsipras en Grecia, sen éxito. 

Porén, Iglesias insistiu en que "España é a cuarta economía do euro" polo que está, en termos económicos, "mellor que Portugal e Grecia". Así mesmo, entende que existen "mecanismos" para "reducir o défice mais de maneira máis lenta".  

comentarios