Pablo Iglesias oferece a Beiras un grupo parlamentar ao estilo PSC, mais a marca é innegociábel

Estamos en 2015 e parece pouco rupturista que todo o que ofereza a esquerda española aos interlocutores galegos máis dispostos a pactar con ela sexa unha reedición do grupo parlamentar que o PSC tivo até 1982. Pouca concesión parece. Beiras sábeo. A Candidatura de Unidade Galega está máis perto. Porén, a partida de póker continúa.

photo_camera Beiras, após falar con Iglesias [FOTO: @anova_irmandade]

Pablo Iglesias xogou ao póker descuberto nesta ocasión. Todos coñecíamos as súas cartas. Nunha entrevista coa imprensa mainstream galega, co diario hexemónico, concedida antes de se deslocar a Galiza, o político e destacado tertuliano revelou até onde podía chegar na negociación con Beiras: até un si á constitución dun grupo parlamentar galego distinto ao de Podemos. A baza parece escasa para selar o acordo con Anova, porque en troca do caramelo do grupo parlamentar a Beiras se lle pedía que tragase coa marca Podemos na papeleta e, máis do que iso, coa retórica de que é Podemos o axente fundamental do cambio e da ruptura política.

En realidade, Pablo Iglesias viaxou no tempo e deveu no Felipe González do período 77-81, o que convivía sen aparente problema no Congreso dos Deputados co grupo parlamentar do PSC, separado formalmente do do PSOE. Aquel grupo durou até 1982 e a súa desaparición foi unha das secuelas do enroque españolista que abaneou a política no Estado após o golpe de estado do 23F de 1981. Iglesias, que en tantas cousas evoca a figura do máis novo Felipe González, propón agora a restitución dese grupo, un para Catalunya e outro para Galiza. Até aí pode chegar na asunción das “particularidades”. Nen un milímetro máis. Nada de disolverse en ningunha unidade superior. Nada de renunciar ás siglas propias. O proxecto de Podemos é un proxecto de ámbito estatal e boa proba diso é como formula as súas primarias internas, cunha circunscrición eleitoral única para todo o Estado, o soño de todo xacobino: todos votando a todos, os individuos existen, os territorios [por moita retórica plurinacional que gastemos], non.

O proxecto de Podemos é un proxecto de ámbito estatal e boa proba diso é como formula as súas primarias internas

O grupo parlamentar galego que Iglesias autorizaría sería un grupo con deputadas e deputados de Podemos e que tería unha relación especial, vía protocolo, co grupo parlamentar podemita. En que consistiría esa relación especial? Até que punto se vería condicionada a formación da súa vontade? En caso de discrepancia co grupo parlamentar de Podemos, que farían os deputados podemitas incluídos no grupo galego?

Esas perguntas sen dúbida pairaron sobre o ánimo de Beiras na súa reunión con Pablo Iglesias.

En Anova hai neste momento unha tensión dialéctica entre dous polos, o máis proclive a continuar explorando a relación coa esquerda estatal -isto é, AGE era un embrión da nova entente con Podemos- e aqueloutro que se move máis en coordenadas dun espazo nacional galego. Esa tensión, que no seu momento deu lugar á excisión de Cerna, aínda non está resolvida. E evidentemente o factor que a pode resolver para un lado ou para outro continúa a ser Beiras, daí os aloumiños de Pablo Iglesias que recebeu na entrevista deste con LVG (“faríame moita ilusión que Beiras fose candidato nas xerais”, etc).

En IrmandadeTV, na súa comparecencia do 26 de xuño, Beiras foi moi claro ao priorizar o ámbito nacional galego na súa política de alianzas e ao citar como compañeiros de viaxe o BNG, Compromiso e Esquerda Unida, non así a Podemos.

Embora neste momento pareza máis probábel a Candidatura de Unidade Galega do que o acordo de Podemos con Anova, isto está lonxe de ter rematado. As cartas vanse continuar barallando.

Comentarios