Cuarta feira. Tarde. Pablo Iglesias interpela Pedro Sánchez no debate da moción de censura. Ínstao a facer unha serie de cousas. Entre elas camiñar cara a un efectivo recoñecimento da plurinacionalidade do estado. É nese contexto cando fai unha alusión expresa a Euskadi e Catalunya. É nese contexto cando omite calquera referencia a Galiza.
"Hai unha nova España que non cre en reis. Que lles pide dialogar. Dialoguemos xuntos. Falemos para construír unha España na que caiba unha nación que se chama Euskadi. Na que caiba unha nación que se chama Catalunya. Nós estamos dispostos a construír esa España fraterna e plurinacional", dixo.
A ausencia de Galiza no discurso pablista foi recibida con estupefacción por parte dos 5 parlamentares de En Marea integrados no grupo que dirixen Pablo Iglesias como presidente e Irene Montero como portavoz. As críticas foron inmediatas e quen as fixo públicas, por meio da súa conta twitter, foi Alexandra Fernández, parlamentar de Anova.
Tras escoitar o discurso dos 4 principais partidos españois queda claro que desta crise do modelo territorial todos están de acordo en eliminar o recoñecemento de Galiza como nación.
— Alexandra Fernández (@aKollontai) 31 de mayo de 2018
Se non o facemos nós, non o vai facer ninguén. Hoxe púxonos voz Miguel Anxo.
Quen entrou en diálogo con Alexandra Fernández foi Mário López Rico, ideológo de Cerna e do aparato villarista, quen tildou de "indecente" a omisión de Galiza por parte de Iglesias, a quen designou polas súas iniciais.
O que foi mais indecente foi PIT excluindo Galiza a seguido de Euskadi e Cataluña cando cita as nacións.
— Mario López (@mariolopezrico) 31 de mayo de 2018
Deitou algo de auga no lume Luís Villlares, quen -ao ser interpelado pola imprensa ao respeito esta sexta feira- cualificou de "lapsus" a non mención do país no discurso do máximo dirixente de Podemos. Villares dixo a seguir que a intervención de Miguel Anxo Fernán Vello veu emendar o suposto erro do líder da formación morada. Fernán Vello si falou de Galiza como nación. Interveu por espazo de 5 minutos. Pedro Sánchez, na súa réplica, non entrou en debate con el. Limitouse a lle dar as grazas.