Pablo Iglesias: “Faime ilusión Beiras como candidato nas xerais”

Nunha entrevista en La Voz de Galicia o secretario xeral de Podemos deixa claro que o partido non se diluirá nunha maré para os comicios estatais e defende a existencia dun grupo parlamentar galego pola “personalidade nacional” de Galiza.

Pablo Iglesias rolda imprensa

Pablo Iglesias chega a Galiza, onde permanecerá varios días para manter encontros e xuntanzas con diferentes cargos institucionais e personalidades políticas, como Xosé M. Beiras ou Yolanda Díaz. Unha ‘xira’ galega na que defenderá que o espazo político que representan as marés se integren na candidatura de Podemos para as xerais. Unha opción que debulla na entrevista que o xornalista Carlos Punzón lle fai en ‘La Voz de Galicia’.

Iglesias responde cun rotundo “non” a pregunta de se Podemos entrará nunha marea galega e reitera que para as xerais a intención é chegar a un acordo con ese espazo político para que “poidamos presentarnos como Podemos guion e o nome dese espacio”. A papeleta, afirma, co nome de Podemos e o logo estará en todos os colexios do Estado español, é iso é “irrenunciábel”.

“Teño un enorme respecto polo Bloque”

No transcurso da entrevista o secretario xeral de Podemos amosa a súa admiración por Xosé Manuel Beiras e preguntado por unha alianza para as xerais encabezada por Beiras afirma que iso tería que decidirse en Galiza, mais que “persoalmente, a min, faime moita ilusión porque creo que Xosé Manuel é un referente”.

Grupo parlamentar propio

Preguntado sobre as advertencias de Beiras a Podemos de que non pode impoñer condicións a outras forzas para posíbeis alianzas, Iglesias di que o seu partido non pretende iso. “Estou convencido de que podemos unir forzas nas xerais, con grupo parlamentar galego propio e recoñecendo a personalidade nacional de Galiza”.

Na entrevista manifesta que non ten “ningún reparo cara ao BNG” á hora de tecer alianzas, sinalando que “teño un enorme respecto polo Bloque”, mais deixando calquera decisión en mans “dos suxeitos políticos de Galiza”. Manifesta, tamén, que de cara ás eleccións galegas Podemos estaría disposto a renunciar as súas siglas.

Comentarios