Pablo Iglesias, do 'feeling' con ICV ás descualificacións a IU

Podemos avanza cara á confluencia coa formación catalá nas eleccións ao Parlament mentres bate con dureza contra a organización de Alberto Garzón. 

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

"Continúa vivindo no teu pesimismo existencial. Cócete no teu mollo cheo de estrelas vermellas e de cousas, main non te achegues, porque sodes precisamente vós os responsábeis de que neste país [o Estado español] non mude nada", así se pronunciaba Pablo Iglesias na entrevista publicada simultaneamente nos diarios Critic e Publico.es en relación ao que el propio define como "o típico esquerdista tristón, aburrido, amargado..., a lucidez do pesimismo". 

Os dardos de Iglesias diríxense contra Izquierda Unida, aínda que non só. O líder de Podemos diríxese nunha conversa cargada de descualificacións e un ton acedo, ás formacións da esquerda das que di, son "uns cenizos" e aos que acusa de teren sido "incapaces" en 25 anos "de facer nada". "Deixádeme en paz", "queremos gañar". 

"Non quero que dirixentes políticos de Izquierda Unida, e eu traballei para eles, que son incapaces de ler a situación política do país, se acheguen a nós. Seguide na vosa organización". Na conversa con Sergio Picazo e María de Delás, Iglesias fecha a porta a calquera confluencia con Izquierda Unida de cara ás eleccións ás Cortes españolas en outono. Un portazo que se produciu a mesma tarde en que o dirixente de Podemos se reuniu con Alberto Garzón (IU). 

A "fronte popular non funciona electoralmente"

“Ningunha. Cero. Fin da cita. Cero", afirma taxativamente en relación ás posibilidades de chegaren a un acordo previo ás eleccións con IU. "Unha fronte de esquerdas, a fronte popular", explica, "é xenial para certas ensoñacións dalgunhas persoas de esquerdas, mais electoralmente non funciona". 

Iglesias defende para a Galiza a fórmula "Podemos-outra cousa", o que suporía a entrada no seu grupo parlamentar e supeditarse á dirección española

"En Catalunya eu sí vería a posibilidade de que “Podem” tivese despois un trazo e logo dese trazo aparecese outra cousa, que puidese agrupar a outros sectores tanto da sociedade civil como a outros actores políticos. Eu iso non o vería mal. O mesmo no País Valenciá, con Compromís. O mesmo na Galiza con sectores que teñan a ver coas mareas e con AGE. Se a eles lles interesa. Se non lles interesa e entenden que queren ter unha representación propia e independente de calquera formación estatal, pois é unha cousa perfectamente lexítima", sinala en relación a territorios como Galiza, Catalunya ou o País Valenciá.

Neste senso, Iglesias xa se reuniu con ICV para abordar o proceso electoral cara ás parlamentares catalás. Do encontro coa dirección d@s ecosocialistas, embora non teren alcanzado un acordo, asegurou que avanzan "nunha liña moi interesante". Pola súa banda, Joan Herrera (ICV) sinalou o "feeling" que se respiraba entre ambas as dúas formacións. "Partillamos diagnose", acrecentou. "É un momento histórico para o sul da Europa e para "facer un cambio en Catalunya e en España". 

Comentarios