Acordo "in extremis"

Pablo Iglesias decide que Podemos e En Marea concorran xuntos ás eleccións galegas

Eran perto das 23.30h desta sexta feira cando Pablo Iglesias anunciaba mediante un chío en Twitter que Podemos finalmente concorrería con En Marea aos comicios galegos. Esta resolución, adoptada desde Madrid, vai provocar unha fonda crise do partido morado na Galiza.

Pablo Iglesias_Podemos
photo_camera Pablo Iglesias foi quen anunciou o acordo

“Non hai nada por riba da unidade cando nos xogamos o cambio na Galiza. Podemos estará con En Marea sexa cal sexa a fórmula”. Este chío de Pablo Iglesias na rede social Twitter avanzaba un acordo “in extremis” entre Podemos e En Marea para concorrer nun mesmo partido ás eleccións do 25 de setembro.

Pronto Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña e próximo a Podemos, contestaba o chío do líder da formación morada e agradecía a “xenerosidade e altura de miras” de Iglesias. “Será un pracer facer isto xuntos”, engadía. Tamén facía o propio Yolanda Díaz, coordinadora nacional de IU na Galiza e deputada de En Marea en Madrid, “hai xente de ollada curta e outra de ollada longa. Pablo Iglesias é dos que non xoga en espazos curtos. Grazas”.

Echenique e Bescansa, a clave

Após o cruce de agradecementos, Pablo Iglesias citaba Pablo Echenique, secretario de Organización da formación morada, e Carolina Bescansa, secretaria de Análise Política e Social –a quen na quinta feira enviou a Galiza a tratar de negociar a integración na Marea- “grazas a Echenique e Bescansa e a todos os compas de Galiza pola súa xenerosidade e esforzo”. Precisamente, Podemos na Galiza optara nos últimos días por se presentar en solitario ás eleccións galegas ao rexistrarse En Marea como partido no Ministerio do Interior. A formación morada esixía concorrer en coligazón ao 25 de setembro e así o expresara en numerosas ocasións a líder de Podemos na Galiza, Carme Santos.

A secretaria xeral de Podemos na Galiza, que nos pasados días foi a máis vehemente á hora de defender unha concorrencia en solitario, tamén se pronunciou vía Twitter sobre o acordo, “ao final desta noite tivemos unha xenerosidade que supera calquera expectativa ante a non cesión dos nosos aliados en certos puntos”. “Decisións tomadas con toda a lexitimidade tiveron que ser cambiadas co obxectivo de salvar a unidade política”, engadía. Tamén se refería a un “sacrificio inmenso”. “Isto non quita que este xiro final o teñamos que abordar en colectivo e eu quero informar a nosa xente persoalmente, as bases de Podemos Galiza, co fin de decidir que camiño seguimos xuntos”. E é que as bases aprobaran concorrer en coligazón e non nun partido.

As candidaturas, un crebacabezas

No día de hoxe a coordinadora de En Marea manterá unha xuntanza con dirixentes de Podemos para avanzar a integración do partido morado unha vez que o prazo de inscrición no censo para votar nas primarias remata o domingo. Aliás, hoxe mesmo conclúe o “período de subsanación” de candidaturas. Podemos podería aproveitar este prazo para presentar os seus candidatos ás primarias.

En Marea presentou un só candidato á Presidencia da Xunta, Luís Villares, mentres que Podemos optou por que concorrese ás primarias da formación morada Carmen Barahona. Tamén o ex senador José García Buitrón anunciara a súa precandidatura por Podemos co obxectivo de confluír coa Marea. No seo da Marea presentáronse até 18 listaxes ás primarias, que se votarán os días 16 e 17. Nestas candidaturas aparecen nomes non só ligados a Anova e IU –partidos integrados na Marea- senón tamén de Cerna -escindida de Anova-, de Equo, das mareas municipalistas e do propio Podemos.

Comentarios