Pablo Iglesias, sobre a confluencia: "Son enormemente optimista"

O líder de Podemos dixo esta quinta feira aos meios en Madrid que é "enormemente optimista" a respeito da confluencia da súa formación con outras forzas na Galiza, Catalunya e Valéncia.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

Iglesias restou importancia ao facto de a segunda feira pasada a Executiva de Compromís non ter avalado o seu acordo con Mónica Oltra [o sector maioritario da organización, o Bloc Nacionalista Valencià, xulga que a alianza con Podemos impediría a formación dun grupo parlamentar da esquerda valencianista e que condenaría a súa representación parlamentar a ser unha sorte de subgrupo].

"Estamos trabajando en ello", dixo evocando a frase de Aznar, cando foi interpelado pola imprensa a respeito da negociación con Compromís.

A impresión que produciu Iglesias é que ve máis doado o acordo en Catalunya -o cenario tornouse máis complexo ao aparecer agora no palco Barcelona em Comú- e na Galiza do que en Valéncia [a posición do BNV foi adoptada nun referendo polo conxunto da súa militancia].

Con todo, a súa frase "son enormemente optimista" non facía distingos e referíase por igual ao triple proceso negociador en curso: Madrid-Compostela, Madrid-Barcelona, Madrid-Valéncia.

Na Galiza Podemos xa ten un pre-acordo político con Anova e Esquerda Unida. Aliás, fai parte tamén do foro político impulsado pola Marea Galega.

Segundo soubo Sermos, hai semanas que en conversas máis ou menos reservadas dirixentes de Podemos desbotan calquera hipótese de acordo co BNG, conscientes de que a formación nacionalista galega non iría aceitar nen a presenza dunha sigla da esquerda estatal na papeleta nen a conformación dun subgrupo parlamentar.
 

Comentarios