NUN ARTIGO CHAMA A BEIRAS "FIGURA HISTóRICA DO SOCIALISMO SOBERANISTA GALEGO"

Pablo Iglesias di que o "grande acordo da Transición" aseguraba "a igualdade de oportunidades"

O deslizamento cara á moderación leva a Pablo Iglesias a asinar un artigo en El País cunha tese básica: é preciso "un novo compromiso histórico", unha "nova Transición".

Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras
photo_camera Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras

Abandonada a retórica do proceso constituínte, Pablo Iglesias pede unha "nova Transición" despois de validar como positiva a anterior. Ao seu xuízo, a xestión por parte das elites españolas da crise económica provocou a "a degradación dos servizos públicos e dos dereitos españois", fenómeno que, combinado coa corrupción, levou a que rachase "o grande acordo da Transición que aseguraba a igualdade de oportunidades e unha mínima prosperidade para as maiorías sociais".

Este discurso contrasta poderosamente cos relatos rupturistas cos que Podemos e o seu líder apareceron no cenario político meses antes das europeas de maio de 2014. Iglesias reivindica agora o proceso do 78 -"grazas 1978, benvido 2016- é o seu novo lema- e é imposíbel separar este cambio táctico da súa obvia  pretensión de asaltar xa non os ceos, senón o eleitorado do PSOE, que foi sen dúbida a forza que mellor rentabilizou politicamente a primeira Transición (apenas demorou 4 anos en chegar ao poder con maioría absoluta após a aprobación da Constitución do 78).

Sobre a cuestión da forma de Estado, a dialéctica República-Monarquía, Iglesias continúa sen pronunciarse, por non a considerar prioritaria

No artigo, o líder de Podemos afirma que "dentro de pouco se abre unha lexislatura sen maiorías absolutas na que asumimos que teremos que dialogar tamén cos nosos adversarios políticos para concretar constitucionalmente os acordos para un novo compromiso histórico".

O anterior compromiso histórico foi o que selaron as elites políticas e económicas franquistas coa esquerda española e pasou pola asunción da monarquía restaurada polo ditador.

Sobre esta cuestión, a da forma de Estado, a dialéctica República-Monarquía, Iglesias continúa sen pronunciarse, por non a considerar prioritaria. Si defende, en troca, un referendo vinculante para Catalunya, consoante á súa visión do Estado español como un Estado plurinacional. Alén disto, na proposta de Podemos para a reforma da Constitución está a despolitización da xustiza, a inclusión de garantías na Carta Magna contra a corrupción (prohibición das portas xiratorias), a reforma do sistema eleitoral coa introdución do referendo revocatorio do presidente do Goberno e a blindaxe dos direitos sociais e medio-ambientais.

No texto, Iglesias reférese ao acto feito en streaming o pasado 6 de decembro coas súas forzas territoriais aliadas, desde En Marea a Barcelona en Comú pasando por Compromís. E nese contexto en que cita a Beiras, ao que apresenta como "figura histórica do socialismo soberanista galego".

Comentarios