PABLO IGLESIAS AFIRMA QUE PODEMOS FIGURARá NO NOME DA CANDIDATURA

Cerna e Equo rexeitan facer parte da coligazón 'En Marea'

As dúas formacións descartan integrar a iniciativa impulsada por Anova, IU e Podemos. “En Galiza, nome e logo de Podemos estarán no nome e na papeleta” da coligazón, asegurou Pablo Iglesias, contradicindo así o acordo acadado entre o seu partido, Anova e IU para o 20-D e que restrinxía esa posibilidade unicamente as papeletas.

Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras
photo_camera Pablo Iglesias e Xosé Manuel Beiras

Dous dos sete partidos que se sentaron a mediados de outubro, convocados polo Encontro cidadán por unha marea galega, para constutuír o 'Foro de partidos' como xérmolo dunha candidatura de unidade popular veñen de dicir non a tomar parte na coligazón 'En Marea'. As bases de Cerna e Equo apostaron en sendos referendos internos por dicir non á candidatura impulsada por Anova, Podemos e IU. Cun Compromiso por Galicia que, pouco despois daquel Foro, decidira en non apostar como partido por ningunha candidatura, fican 4 organizacións daquel Foro as que fican: Anova, IU, Podemos e Espazo.

No caso de Cerna tomou parte o 52% do censo, segundo informa a propia organización. Un 53% dos votantes optaron por non integrar ningunha das dúas candidaturas, nin Nós-candidatura galega, nin 'En Marea'. Un 22% pronunciouse a favor de ir coa coligazón de Anova, Podemos e IU; e un 18% votou a prol de Nós. Cerna “lamenta a falla de visión política e xenerosidade de moitos dos actores, que con diferente grado de responsabilidade, contribuíron a esta desfeita”. Desde Equo, as bases dixeron non a estar en 'En Marea', aducindo 'défice de participación democrática”, en desacordo cuns pactos entre cúpulas de partidos e á marxe da cidadanía e da propia afiliación.

"O logo e o nome de Podemos estará no nome e na papeleta" 

Apenas 24 horas pasaron desde que se fixese público o contido do acordo entre Anova, Podemos e IU de cara ao 20-D e xa se produciron as primeiras 'diverxencias' sobre a lectura do mesmo por parte dalgún dos actores participantes. Pablo Iglesias, secretario xeral dun dos partidos asinantes do documento, declarou esta sexta feira en Madrid, en declaracións recollidas por Europa Press, que o nome e logo de Podemos van estar presente no nome e na papeleta da coligazón que nun principio se ía denominar simplemente 'En Marea'.

Porén, o borrador de acordo antes mencionado -e que nas últimas horas foi sometido a referendo das bases de Anova e IU- exclúe calquera engadido ao nome común de 'En Marea'. Ningún logo e marca partidaria iría no nome e no deseño. Si que figurarían na papeleta a depositar na urna o 20-D. Mais non na marca eleitoral, nin na campaña.

En resposta aos xornalistas en Madrid, Iglesias respondeu que o nome da súa formación iría no nome da candidatura en Galiza. Díxoo ao ser preguntado sobre se Podemos ía renunciar á súa marca nas listas que impulsa con IU e Anova. “En Galiza, o logo e o nome de Podemos estará no nome e na papeleta”, asegurou.

Espazo

A través dun comunicado Espazo -outra das formacións do 'Foro de partidos'- sinala que os seus membros apoiarán á coligazón 'En Marea' mais o colectivo político "non participará das súas estruturas, polo de agora". Non ten sentido participar en órganos políticos "que deben ter unha maior presenza das mareas cidadanistas cando, ademais, non imos poder participar da coalición xurídica", sinalan.

"Esa experiencia xa a tivemos en AGE e non queremos repetila pois nin nos aporta nada como colectivo nin mellora a calidade das nosas aportacións (lembrar que xa no seu momento abandonamos os órganos de AGE e de AGEe)".

Comentarios