Inicia campaña interna na Coruña

Pablo Casado coloca Feixóo e o PP galego como referentes

Entre os candidatos que optan a suceder a Raxoi, representa os sectores máis duros da dereita que se organiza no Partido Popular. Medrou politicamente á sombra do José María Aznar máis neocón. Como vicesecretario de comunicación do partido, destacou polas súas intervencións polémicas. Pablo Casado opta agora a presidir o PP e este sábado, na Coruña, afirmou a súa “admiración profunda” por Feixóo.
 

pablo casado fGZ
photo_camera Feixóo (esquerda), Pablo Casado e a portavoz coruñesa do PP, Rosa Gallego, este sábado na Coruña. Foto: cedida.

O presidente da Xunta, cuxa sonora marcha atrás aínda está por explicar -o medo aos dossieres parece ser a razón máis plausíbel-, escoitaba atento na sede coruñesa do partido. Canda el, o secretario xeral dos populares galegos Miguel Tellado ou o presidente provincial, Diego Calvo -de quen se dixo que aspiraba a suceder a Feixóo se este marchaba a Madrid.

Casado é, despois de Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal, o terceiro en posibilidades de liderar o PP estatal. Entre os seus apoios atópase o de Esperanza Aguirre. Proclamou que quere recuperar votos de Ciudadanos e de Vox. No inicio da súa campaña interna, este sábado na Coruña, reclamou o “efecto Feixóo”  e prometeulle a este que, de gañar o congreso de sucesión de Raxoi, o presidente galego estará “onde queira e cando queira”.

Mais Núñez Feixóo non revelou, aínda, a quen apoia na carreira. É seguro que non a Sáenz de Santamaría. No PP galego circula a teoría de que ela tivo algunha responsabilidade na emerxencia das famosas fotos co narcotraficante Marcial Dorado. E que tamén tivo que ver de que o freo a última hora da carreira madrileña de Feixóo.

“Se eu presido o PP de España”, dixo Casado na Coruña, “quero facer o mesmo que fixo Feixóo co PP de Galiza, un partido ilusionado, un partido renovado, gañador e unido”. Unha vez máis, o presidente da Xunta -quen asegurou intentará acompañar a todos os aspirantes nas súas visitas galegas- amosa a súa habelencia para combinar imaxe centrista e relacións na dereita máis dura, esa que quere competir polos votos de Vox.

Comentarios