Oza e Cesuras aproban a fusión

Cos votos a favor do Partido Popular e a oposición en contra, os concellos coruñeses de Oza e Cesuras aprobaron a pasada quinta en senllos plenos municipais a súa fusión. 

A pasada quinta os plenos de Oza dos Ríos e Cesuras votaban a fusión entre ambos os dous municipios após meses de reunións e proxectos técnicos. Cos votos a favor tan só dos edís do Partido Popular –organización política que veu promovendo a integración de concellos como medida de “aforro” e a prol dunha “xestión máis eficaz dos servizos públicos-- finalmente coa fusión converteranse nun só.

A medida saiu adiante cunha forte oposición dos grupos municiapais do BNG e o PSOE, así como de boa parte da poboación. As principais críticas, a falla de información á cidadanía, un proxecto técnico pouco rigoroso e a existencia de alternativas que melloren a situación destes dous concellos empobrecidos.

Estefanía Busto, concelleira nacionalista en Oza, reiterou no pleno máis unha vez a oposición do seu grupo á proposta da equipa de goberno. Segundo a edil, a fusión “en nada beneficia ás veciñas e veciños de Oza, só ao Partido Popular”. No BNG criticaron ao longo do proceso de aprobación da fusión o informe técnico que acompañaba a proposta, pois entenden que o tempo de exposición pública e a información achegada á poboación non foi suficiente nin acaída “someter o proxecto a un período de información pública non quere dicir informar aos veciños”.

Ao mesmo tempo, Busto criticou o procedemento legal que está a empregar o PP para levar a cabo a fusión, segundo a concelleira nacionalista “o que non nos parece de recibo e que se utilice en todo momento a Lei de administración local de Galiza para guiar o proceso de fusión mais para as maiorías necesarias pretenden seguir a Lei de bases de réxime local”, segundo a edil, “istó é como se empezas a xogar a partida ao tute e como vas perdendo contas polas normas do cinquillo”.

Para @s nacionalistas, existen outras alternativas para ambos os dous concellos, mais a procura de solucións para a realidade actual de moitas aldeas e vilas galegas, pasa primeiro por determinar cales son as dificultades que atravesan os concellos e cales son os mecanismos para corrixilos, “o problema non é o número de concellos, senón o modelo de financiamento que non atende a criterios de dispersión ou avellentamento” , aseverou Busto.

 

 

Comentarios