Oza dos Ríos votará a fusión con Cesuras esta quinta

Após meses de trámites administrativos, mais non de consultas populares, o concello coruñés de Oza votará en Pleno a súa fusión con Cesuras. O grupo municipal do BNG adiantou que votará en contra.

A fusión entre os dous concellos coruñeses podería ser aprobada esta quinta polo Pleno municipal de Oza, tan só coas mans erguidas d@s edís do Partido Popular. Desde o BNG, adiantan que votarán en contra pois consideran que o informe presentado pola equipa de goberno do Concello “está ateigado de promesas sen fundamento”. Asemade, aseguran que a fusión “non traerá solucións ao empobrecemento destes concellos”. Segundo a voceira do BNG, Estefanía Busto, “o debate non está na fusión, senón nas dificultades que atravesan os dous termos municipais” e os mecanismos necesarios para corrixilos.

O Partido Popular de Galiza promoveu nos últimos meses da súa lexislatura a fusión de concellos como “política anticrise”, pois afirmaban que reduciría os custos e permitiría unha mellor e máis eficaz xestión dos servizos públicos. Para a concelleira nacionalista en Oza o que procura o PP é “ocultar os seus continuos recortes para cuestións tan básicas coma servizos sociais ou emprego”. Asemade, desde o BNG critican con dureza a falta de información da equipa de goberno de Oza á veciñanza. Estefanía Busto asegura que “ o PP amosou a súa actitude prepotente ao tomar a decisión de fusionar os dous concellos de xeito unilateral e sen darlle conta á cidadanía”.

Eliminar as deputacións e non os concellos
Desde o BNG salientan que o primeiro paso na remodelación territorial sería a desapación das deputacións, pois din “gastan o 60 por cento do seu orzamento en manterse a si propias”. Para @s nacionalistas, as deputacións provinciais non son máis que “entidades administrativas obsoletas que entran nunha duplicidade ou triplicidade de servizos” polo que din “cómpre unha comarcalización de servizos” en troques de fusionar concellos.
De suprimírense no ano 2010, a cidadanía galega tería aforrado 300 millóns de euros.

Comentarios