Owen Jones protagoniza un acto de En Marea na Coruña

“Veño aquí a aprender de vós, porque sodes un exemplo e podemos aprender da vosa lección para despois trasladar ao resto de Europa e cambiar definitivamente este continente”, dixo o autor británico.

en marea owen jones
photo_camera (Imaxe: En Marea)


En Marea contou esta segunda feira co apoio de Owen Jones, o coñecido escritor e xornalista de esquerdas británico, que eloxiou os movementos de base de En Marea e Podemos. “En lugar de  queixarvos, estades organizados para dar esperanza á xente”, valorou Jones nun acto seguido por decenas de persoas no Paraninfo da Coruña, acompañado das e dos candidatos de En Marea Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez

“Eu veño aquí para aprender de vós. En Marea está chegando á xente e podemos aprender de vós para trasladalo ao resto de Europa e cambiar definitivamente o continente”, manifestou o autor británico. Dixo que a situación actual que está a vivir España e o resto de países europeos “vén marcada polo feito de nos goberna unha elite que mira unicamente polos intereses dos ricos e contra a maioría social, a clase obreira”, asegurou.

Jones denunciou que as grandes cuestións estanse a negociar a porta pechada e en segredo en Bruxelas e criticou que os partidos de esquerda aceptaran o libre mercado e os recortes. “En toda Europa este baleiro foi enchido por movementos como Podemos ou En Marea. Aínda que tamén outros de extrema dereita que están esperando a ocupar este lugar se non acadan éxito estes movementos de base e de esquerda”, sinalou.

Comentarios