Juan Díaz Villoslada no Sermos262

"Os outros precandidatos son máis aparato cá min"

Dos tres candidatos nas primarias do PSdG, Juan Díaz Villoslada é o máis novo, non en idade, senón en experiencia na primeira liña da política institucional. Ten un perfil afábel e -metade por instinto, metade por cálculo- afirma non ter nengunha intención de combater sobre a lama. Hai no seu discurso ecos da Nova Política e a asunción de que a alternativa ao PP na Galiza ou é tripartita ou non será. Villoslada protagoniza a entrevista política do Sermos262. Eis un avanzo da conversa.

10-11_FotoEntrevista (1)
photo_camera Juan Díaz Villoslada, na redacción do Sermos.

(...)

-Cando escoitas que te cualifican de "candidato do aparato" que che pasa pola cabeza?

 

-Esa é unha forma de etiquetar que responde a vellas tácticas e non á realidade. Sen ir máis lonxe, os outros dous precandidatos poderíamos dicer que son máis aparatos case que eu. Porque un está igual nos órgaos federais e o outro é portavoz do grupo parlamentar [en alusión respectivamente a Caballero e Leiceaga]. Chama a atención o feito de que a un que é novo lle tilden de aparato cando os outros xa veñen de aparatos anteriores.

 

-A alternativa en Galiza ao PP é unha alternativa a 3?

 

-Hoxe por hoxe é necesario que todas as forzas da esquerda en Galiza traballemos coa máxima coordenación. Falar de coordenación é falar de estar de acordo en moitos pontos de encontro. En políticas sociais, en políticas culturais, de servizos públicos, lingüísticas. Logo hai outros pontos en que é máis difícil evidentemente coincidir. En todo caso, isto xa o temos acreditado en gobernos onde ou hai coligazóns ou ten habido acordos de investidura. Mais iso non quer dicer que nós como partido socialista, cunha tradición e cunha historia de políticas progresistas e de goberno, temos loxicamente a pretensión de ser de forma clara a primeira forza da esquerda en Galiza. O que si é certo é que o mapa político, socio-eleitoral, hoxe é distinto do que era a época do bipartidismo, e en Galiza iso éo dunha maneira máis acusada. En todo caso, nós o que pretendemos é convencer o maior número de galegos e galegas progresistas de que o Partido Socialista é quen de aglutinar máis todas estas sensibilidades.

 

-Estás a favor de o secretario xeral entrante ser tamén o candidato do PSdeG á Xunta ou optarías máis ben por un modelo de bicefalia.

 

-Nestes momentos, e após tanto tempo ou ben de provisionalidade ou ben de cambios internos, consolidar un novo liderado ten que ter unha perspectiva de futuro. Entón si sería viábel esa posibilidade [a de o líder do partido ser também cartaz eleitoral] para evitar esa bicefalia. En todo caso, ese é un proceso que hai que analisar e haino que facer cos militantes.

 

[A íntegra da entrevista, unha dupla páxina, aparece no Sermos262, disponíbel na nosa loxa e nos pontos de venda habituais].

Comentarios