Outeiro de Rei, que quere recuperar os bens rexistrados pola Igrexa, comprou a casa reitoral con cartos públicos

Sospeitas ao redor do acordo plenario de Outeiro de Rei sobre a devolución dos bens inmatriculados pola Igrexa. O BNG advirte de que o alcalde comprara con cartos públicos a casa reitoral ao Bispado.
Casa consistorial de Outeiro de Rei (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Casa consistorial de Outeiro de Rei (Imaxe: Nós Diario).

O pleno do Concello de Outeiro de Rei, gobernado polo popular José Pardo, aprobou por unanimidade a semana pasada reclamarlle á Igrexa os 46 bens inmatriculados coa lei que impulsou no seu día José María Aznar no Goberno. Unha proposta que partiu do Grupo Municipal do BNG.

Precisamente, a formación nacionalista solicita ao alcalde e ao Bispado a presenza de todos os grupos políticos da Corporación na comisión Igrexa-Concello para recuperar eses bens rexistrados.

Tamén reclama transparencia, “pois a cidadanía ten dereito a saber tanto quen se reúne como o que se fala sobre os seus bens”.

O BNG desconfía da comisión "fantasma"

O BNG desconfía dos obxectivos do que chama unha comisión “fantasma”, pois advirte de que “até o de agora a única actuación do concello neste tema foi a compra con cartos públicos da casa reitoral de Outeiro, aínda sabendo perfectamente o alcalde que fora feita cos cartos da xente da parroquia”. Así o explica o portavoz nacionalista, Xosé Ferreiro.

“Tememos que se cree unha comisión secreta”, advirte Ferreiro. Nesta liña, sospeita que “estará máis orientada a como facilitarlle a venda deses bens á Igrexa e de como o concello vai soster con fondos públicos os seus bens que na recuperación deles para o patrimonios público”.

O BNG levou a pleno a iniciativa para recuperar os bens inmatriculados pola Igrexa coincidindo coa saída á luz dos máis de 7.000 que se rexistraron na Galiza desde 1998, a raíz dunha lei impulsada polo Goberno de José María Aznar (PP).

A formación nacionalista, a través do seu portavoz no Congreso, Néstor Rego, instou o Goberno estatal a abrir unha investigación a respecto das inmatriculacións, que afectan bens que non son de natureza eclesiástica.

A Igrexa voltou a ser protagonista esta semana, cando se coñeceu que 25% das galegas e galegos optan por destinar o 0,7% da súa declaración da renda á institución relixiosa.

Comentarios