Ourense fica de forma temporal cun Goberno formado por dúas persoas

O positivo por coronavirus do concelleiro Telmo Ucha reduce aínda máis o Executivo municipal da terceira cidade da Galiza en poboación. Aliás, non hai nada que indique que o problema do Goberno en minoría vai ter unha pronta solución.
Os tres membros do Goberno local nunha xunta. (Foto: Concello de Ourense)
photo_camera Os tres membros do Goberno local nunha xunta. (Foto: Concello de Ourense)

A situación do Goberno municipal de Ourense xa era feble máis o coronavirus acaba de deixar unha estrutura de mando aínda más reducida debido ao positivo do concelleiro Telmo Ucha, un dos tres responsábeis do Consistorio.

Se ben nun principio agardábase que Ucha seguise coas súas obrigas no Concello a través do teletraballo, fontes do Executivo local explicaron hoxe que Armando Ojea -o outro edil- vai asumir os seus departamentos mentres dure a corentena que ten que pasar Ucha.

Así, todas as competencias da terceira maior cidade da Galiza a nivel poboacional quedan en mans de dúas persoas: Ojea e o propio alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

De feito, a formación Democracia Ourensá (que está soa no poder após a ruptura do pacto co PP o ano pasado) xa tivera que adiar tres reunións debido á posibilidade de que o citado conselleiro estivera contaxiado.

O edil ten nas súas competencias a xestión de 15 áreas e hai xuntas que dirixe cada dúas semanas nas cuestións que teñen relación co turismo e termalismo, política social, igualdade, sanidade, participación cidadá, seguridade cidadá, comercio, xuventude e voluntariado e servizos xerais.

Malia que as reunións quedan paralizadas, a actividade do día a día súmase á axenda de Ojea.

O Concello recoñece que após facerlle a PCR, o enfermo seguiu indo a traballar ao Concello e mesmo participou na xunta de Goberno da quinta feira, pois se falga el non pode decorrer. Malia que iso poida derivar en novos contaxios, fontes do Consistorio defenden que "sempre gardou as medidas de seguridade e protección definidas na normativa vixente e usou a máscara".

Esta situación dáse nun momento no que a parálise para solucionar a crise de Goberno da urbe segue a ser a nota dominante. Máis alá de enfrontamentos particulares e de loitas entre PSOE e PP, non hai ningún cambio en firme á vista.

Comentarios