Ourense, no ecuador do colapso

Ourense fai dous anos baixo o bastón de mando de Gonzalo Pérez Jácome, sobre o que paira o risco dunha moción de censura. Socialistas e nacionalistas cargan contra o PP por manter o "desgoberno" e o "caos" no Concello.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde Gonzalo Pérez Jácome perdeu a mediados de xuño a cuestión de confianza (Foto: Europa Press)

Hai 10 días que o Pleno de Ourense rexeitou o expediente de modificación de crédito que o alcalde de Democracia Ourensá (DO), Gonzalo Pérez Jácome, vinculou a unha cuestión de confianza. Coa votación abriuse o prazo dun mes para os grupos presentaren unha moción de censura.

E así chega a cidade das Burgas ao ecuador do mandato municipal. Unha etapa que comezou hai dous anos cando o PP investiu Jácome a cambio de que DO permitise a Manuel Baltar (PP) manter a Presidencia da Deputación. Logo, o PP abandonou o Goberno municipal e abriuse a unha moción de censura contra Jácome. Mais condicionou o seu apoio a que portavoz socialista, Rafael Villarino (cuxa candidatura foi a máis votada nos comicios), non for o candidato na moción e, cando este se apartou, o PP pediu  que entregase a acta de edil, algo polo que o PSdeG non pasou. Aliás, o Goberno está en minoría, con tres dos seis concelleiros de DO no grupo de non adscritos. 

Moure pide estabilidade

"Cando pactamos con DO, o obxectivo foi garantir" a "estabilidade e gobernabilidade", indica a este xornal Flora Moure, portavoz municipal do PP.

Tamén alude a eses principios "cando ofrecemos ao PSOE un gran pacto de coalición PSOE-PP que garantise un Goberno en maioría", mais "é algo que o PSOE de Ourense rexeitou", considera Moure, sinalando que os socialistas preferiron antepor as súas siglas. "Ourense precisa dun Goberno e é precisamente o que nós podemos ofertar polo ben da nosa cidade", asegura.

Villarino denuncia fraude

Para o voceiro do PSdeG, Rafael Villarino, "estes dous anos supuxeron a consolidación dunha fraude á cidadanía, xa que Jácome prometeu "sacar" Baltar da Deputación para dar un cambio á cidade e logo "traizoou o votante para erixirse en alcalde".  Villarino critica o "desmantelamento cultural, coa suspensión de todos os actos e o fechamento do auditorio". Un desmantelamento que se dá no económico, cunha zona cero, A Concordia, que antes protagonizaba o comercio e que "agora é un deserto".

Aliás, no Concello, os traballadores teñen que defenderse do alcalde, "que os responsabiliza dos problemas da cidade". O socialista lamenta que o PP sexa "capaz de pasar por calquera humillación que lle faga Jácome con tal de impedir que goberne o PSdeG". 

Seara alerta do "caos"

Luís Seara, portavoz do BNG, ve estes dous anos de "desgoberno" como "un barco que vai cara ás pedras sen ninguén ao temón". Critica que o alcalde aproveitase a pandemia para "aniquilar" a cultura, pois "ten unha cruzada en contra dela" e agora quere eliminar a Universidade Popular.

Denuncia a "carencia de políticas de servizos sociais", os cales non foron reforzados a pesar da pandemia "e agora, para ter unha primeira cita, hai cinco meses de agarda", e estamos a falar de "cuestións tan básicas como poder comer", explica Seara. Tamén lamenta que non "se fixese nada" a respecto do plan de mobilidade urbana sustentábel, porque o alcalde non cre nel", o mesmo que acontece co termalismo. 

Seara é moi escéptico co futuro, xa que o PP bloquea a saída que permitiría a moción de censura.

Comentarios