Ourense en Común elixirá o 11 de abril a orde da súa candidatura ás municipais

As persoas asinantes do manifesto vinculadas coa cidade colocarán 10 nomes acordados por consenso.

Ourense
photo_camera [Imaxe Ourense en Común]

Após a anulación das primarias abertas en que saíu elixido Xosé Mosquera (Compromiso por Galicia) como candidato á alcaldía de Ourense en Común, o movemento político elixirá o 11 de abril unha nova listaxe eleitoral. 

Faráo através dun novo mecanismo que definen como "mixto" e que permitirá ás persoas asinantes do manifesto --vinculadas á cidade das Burgas por empadroamento ou residencia-- determinar a posición que ocuparán 10 nomes (cinco homes e cinco mulleres) acordados "por consenso" entre aquelas persoas que participaron na asemblea da formación o 1 de marzo. 

A decisión de optar por estoutra fórmula, semellante á desenvolvida por outras marés como a da Coruña ou Vigo, producíuse após acusaren a militancia de CxG de "carretaxe" o que provocou a saída da organización galeguista de Ourense en Común, a única formación que até o momento sometera a votación a persoa que encabezaría a listaxe eleitoral. 

Votación

A votación terá lugar o 11 de abril e combinará o sufraxio presencial e telemático. Nesta última opción @s asinantes do manifesto tiveron que solicitar previamente a posibilidade de votación e achegar un documento oficial que acreditase a súa vinculación con Ourense (DI, pasaporte, Tarxeta de identificación de estranxeiría, certificado de empadroamento, mátricula académica ou contrato rexistrado de arrendamento). 

O proceso decorre a contra-reloxo e logo de 15 días de conflito pola invalidación das primarias anteriores nas que participaran por volta de 1.580 persoas. A nova candidatura estará conformada por Montserrat Valencia, Maravillas Calviño, Monsterrat Malvar, Ledicia Piñeiro, Tania Bouzo, Carlos Miguélez, Emilio Rodríguez, Javier Octavio Lorenzo, Martiño Xosé Vázquez e Miguel Doval. 

Comentarios