Ourense aproba de forma inicial os orzamentos de 2020 entre críticas de "ilegalidade" da oposición

O Pleno do Concello de Ourense deu onte luz verde de forma inicial ao proxecto de orzamentos municipais para este ano, os primeiros que se aproban desde 2014, cos únicos apoios do equipo de Goberno –formado por Democracia Ourensana e PP– e o voto negativo de PSOE, BNG e Ciudadanos.
2020012718470474239
photo_camera As contas saíron adiante de forma inicial cos votos de DO e PP. (Europa Press)

A oposición basea o seu rexeitamento a estes orzamentos na "ilegalidade" do documento. Por esa razón, PSOE e BNG decidiron non presentar emendas ao texto, alegando que "non ten sentido emendar algo que é ilegal". 

Onte, o portavoz dos socialistas, Rafael Rodríguez Villarino, advertiu ao Goberno municipal de que "pode estar a incorrer nun delito de prevaricación" ao votar a favor deste documento. Desde o BNG, Luís Seara fixo referencia na sesión ao "demoledor informe do interventor" e alertou de que "nin sequera o asesor xurídico ditaminou de forma favorábel o documento". Pola súa banda, Ciudadanos rexistrou unha emenda á totalidade do mesmo, que foi rexeitada por "non cumprir os requisitos que se fixan no Regulamento Ordinario".

Na súa intervención, a edila de Facenda, a popular Ana Morenza, replicou que o informe da Intervención municipal tampouco foi favorábel nos últimos anos, incluído 2014, e defendeu que "existen informes doutros funcionarios que avalan" as contas.

Morenza salientou o "realismo e rigor" da proposta presupostaria, que definiu como"os orzamentos máis sociais da historia do Concello", dos que o Goberno ourensán salienta o aumento de 27,4% dos fondos para esta área. A concelleira chamou a atención sobre o incremento "máis que notábel" nas partidas destinadas á promoción do comercio local e sobre o aumento do gasto previsto para educación e cultura, que cifrou en 6% respecto das contas en vigor. A edila tamén puxo de relevo o crecemento de 11% nos fondos destinados a seguridade cidadá, "unha das cuestións que máis preocupa á cidadanía ourensá". 

No mesmo sentido, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome (DO), cualificou a de onte como "unha xornada histórica, tras seis anos sen orzamentos".

A oposición coincidiu en pedir "a devolución do documento" baixo o argumento de que "non é equilibrado e incrementa a débeda oculta con empresas como Viaqua e Urbanos de Ourense". Tamén criticou a "ausencia de negociación colectiva" e censurou que "a relación de postos de traballo non orza os postos actualmente presentes". 

Comentarios